DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man do catedrático Michael Devetsikiotis e do seu colaborador George Michailidis

A EE Industrial estreita lazos coas universidades Estatal de Carolina do Norte e Michigan

Devetsikiotis impartíu hoxe un relatorio co gallo do Día Mundial das Telecomunicacións

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Jessica Fdez. DUVI 16/05/2012

Coa finalidade de consolidar os vínculos existentes entre universidades, a Escola de Enxeñaría Industrial recibe estes días a Michael Devetsikiotis, catedrático e investigador da Universidade Estatal de Carolina do Norte e ao seu colaborador, George Michailidis, investigador da Universidade de Michigan, nunha visita organizada polo profesor José Juan Rodríguez Andina, membro do departamento de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Vigo. Reforzar as relacións xa establecidas co profesorado do centro e establecer novas vías de colaboración orientadas a unha futura mobilidade estudantil e académica, foron as cuestións abordadas polos docentes norteamericanos e os seus homólogos vigueses.

Michael Devetsikiotis pertence a un dos departamentos universitarios de investigación máis punteiros de Estados Unidos, encadrado nun dos máis prestixiosos colexios de enxeñaría do país, onde leva a cabo investigacións de alto nivel financiadas con centos de millóns de dólares procedentes tanto do Goberno coma de empresas privadas, cubrindo un amplo espectro de aplicacións. Nos últimos tempos, os seus estudos están centrados especialmente no Smart Grid, é dicir, na redefinición das infraestucturas de xeneración e distribución da enerxía eléctrica para integrar fontes de enerxía renovable, mellorar a sustentabilidade e a eficiencia enerxética ou permitir o desenvolvemento de infraestructuras que permitan o uso de vehículos eléctricos, entre outros.

Durante a súa estadía no campus de Vigo, Michael Devetsikiotis ofreceu este mércores Día Mundial das Telecomunicacións un relatorio na Escola de Enxeñería de Telecomunicación titulado Designing Smarter Networks: Modeling Communications in the Era of Service Awareness, Social Networks and the Smart Grid, na que tratou diferentes aspectos do seu campo de estudio.