DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O inicio das relacións coa entidade lusa remóntanse ao ano 2004

Efacec confía na Universidade para mellorar os transformadores

Esta colaboración permitirá reducir custos e facer os transformadores EFACEC máis competitivos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Jessica Fdez. DUVI 04/10/2011

A saturación do mercado de produtos e servizos, a sobreinformación ou a existencia dunha competencia agresiva son só algúns dos factores que xeran nas empresas a necesidade de desenvolver sistemas e aplicacións que lles permitan diferenciarse e liderar o seu sector de actuación. Conscientes desta necesidade, o maior grupo eléctrico de Portugal, Efacec, asinou coa Universidade o quinto contrato de Investigación e Desenvolvemento denominado Proxecto V, centrado en deseñar unha ferramenta flexible para o cálculo dieléctrico nos transformadores eléctricos de gran potencia tipo Core e Shell. Esta colaboración permitirá reducir custos de material e facer os transformadores EFACEC máis competitivos.

A clave desta ferramenta flexible está na súa adaptabilidade, xa que “non só buscamos que funcione nos modelos actuais de transformadores Efacec, senón que tamén procuramos que sirva para plantexar modelos alternativos nos que afondar con criterios de innovación para lograr un produto mais competitivo e diferenciable no mercado”, afirma Xosé Manuel López-Fernández, investigador do Departamento de Enxeñaría Eléctrica e responsable do proxecto.

A innovación como alternativa á competencia

Coa entrada de fabricantes orientais no mercado dos transformadores no ano 2000, a competencia volveuse moi agresiva. Aquelas empresas xa consolidadas que ata o momento dominaban o mercado tiveron que buscar alternativas para poder facer fronte á nova situación. Tomando consciencia de que non poderían competir nin en prezos nin en man de obra cos países emerxentes, so quedaba una posibilidade: consolidar os departamentos de I+D e desenrolar ferramentas de cálculo e deseño avanzadas.

Neste contexto, Efacec interesouse por localizar na súa contorna empresas e institucións que levaran a innovación como bandeira e que colaborasen no deseño de novas ferramentas mediante a investigación, e atopou un bo aliado na Universidade de Vigo. En 2004 tivo lugar o primeiro contacto, pero foi a partir de 2006 cando se estreitaron lazos tras comprobar os exitosos resultados xurdidos tras un primeiro traballo conxunto. A partir dese momento as colaboracións fixéronse habituais non só con proxectos de investigación, senón que se realizaron comunicacións conxuntas en congresos ademais da promoción de encontros científico-técnicos.

Unha porta aberta aos estudantes

A colaboración da Universidade con este tipo de proxectos pode supor un trampolín cara ao mercado laboral para moitos estudantes. De feito, e tal e como afirma López-Fernández, “Efacec contratou a cinco alumnos da Universidade dende finais de 2004 e non se plantexa límite. A demanda continúa debido a que o ‘know how’ é a filosofía que move ao sector, o que fai que se demande persoal altamente especializado con competencias adquiridas a través de grupos coma o noso, en aspectos de deseño e cálculo de transformadores de gran potencia”.