DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores empregan un 'drone' para observar fugas de calor ou fallos no illamento do centro

A eficiencia enerxética da EE Forestal, a exame desde o ceo

Esta iniciativa enmárcase no proxecto 'Terese', que busca automatizar o proceso de inspección de edi

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 07/04/2014

Á hora de medir a eficiencia enerxética dun edificio, existen unha serie de limitacións que se poden superar se a inspección se realiza desde o aire. Esta é a razón pola que os grupos de investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas e Enerxía Térmica da Universidade traballan no desenvolvemento dun novo sistema de inspección que emprega como base un drone como o que sobrevoou a Escola de Enxeñaría Forestal co obxectivo de realizar tanto unha reconstrucción tridimensional do edificio como de comprobar desde múltiples perspectivas se existen no inmoble filtracións de aire, fugas de calor ou defectos no illamento.

“Actualmente, os sistemas de avaliación enerxética parten dunha simplificación moi importante da realidade do estado do edificio, xa que coas inspeccións termográficas desde terra quedan por analizar partes moi importantes da construción, como a cuberta, por onde pode chegar a perderse ata o 40% da enerxía”, apunta Julia Armesto, profesora da Escola de Enxeñaría Forestal e coordinadora do proxecto Terese (Tecnoloxías para a rehabilitación e sistemas para a elaboración da eficiencia enerxética dos edificios), que os dous grupos de investigación desenvolven en colaboración coas empresas Clece, Dielectro e Proyestegal. De aí que a base deste proxecto centrado no desenvolvemento de "tecnoloxías que permitan automatizar a inspección de edificios", sexa un vehículo aéreo non tripulado ao que os investigadores dotaron dun sistema de medición xeométrica e dunha cámara termográfica que “desde un punto de vista privilexiado permite obter uns resultados moi axustados á realidade cunha inspección rápida do edificio”, explica Armesto.

O primeiro edificio a proba, a EE Forestal

Tras realizar os primeiros tests desta tecnoloxía na contorna da ETS de Enxeñaría de Minas, no campus de Vigo, o centro do campus de Pontevedra vén de converterse no primeiro ao que os investigadores pretenden realizar unha avaliación integral desde o punto de vista enerxético. Para levalo a cabo, obtiveron co drone unha serie de imaxes e datos que actualmente se atopan procesando e analizando e que xa permitiron observar algúns defectos enerxéticos na EE Forestal. “Dado que o edificio ten moitas ventás, as filtracións por selados deficientes supoñen un problema a ter en conta”, explica Armesto, que apunta tamén á “rotura da ponte térmica na xunta da fachada e o tellado” e a existencia na cuberta dunha cristaleira sen illar, pola que o edificio perde calor.

Un novo sistema de traballo para as auditorías enerxéticas

Como destaca Armesto a implantación do drone do sistema Lidar, “que permite xerar de forma automática unha reprodución fiel da xeometría da construción a través de nubes de puntos”, e o desenvolvemento dun sistema que complemente a avaliación enerxética realizada na fachada co análise do inmoble desde o interior, son dous dos campos de traballo nos que se centra actualmente este proxecto. O obxectivo final da investigación que a profesora da EE Forestal coordina xunto co profesor Enrique Granada, é lograr que a tecnoloxía que desenvolven chegue ás empresas que traballan no campo das auditorías enerxéticas, xa que, tanto á hora de obter a cualificación enerxética dunha construción, como no momento de propoñer melloras na súa eficiencia, permitiría “optimizar o traballo de diagnose e, polo tanto, que os investimentos que se fagan na construción se traduzan nunha mellorar real da súa eficiencia”, salienta Armesto.