DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu proxecto propón a creación dunha bebida vexetal a base de castaña

Unha egresada do campus, finalista do Premio ao mellor Traballo Fin de Máster da Cátedra AgroBank

A proposta gañadora, que se fallará en marzo, recibirá unha dotación económica de 3.000 euros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 21/02/2024

Carlota Fuentes, egresada do Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental, é unha das seis finalistas do galardón Ciencia en feminino: Premio ao mellor Traballo Fin de Máster da Cátedra AgroBank Calidade e Innovación no sector agroalimentario, impulsada por CaixaBank e a Universitat de Lleida. O recoñecemento chégalle grazas ao traballo Desenvolvemento dunha bebida vexetal a base de castaña, dirixido pola docente da Área de Tecnoloxía dos Alimentos Sidonia Martínez. A estudante competirá agora por un premio, que se fallará en marzo, de 3000 euros.

Neste Traballo Fin de Mestrado Fuentes achega unha alternativa saudable aos consumidores de bebidas de orixe vexetal. “A castaña nos últimos anos adquiriu unha transformación considerable cunha ampla gama de produtos, especialmente con castañas enteiras. A idea do meu TFM é aproveitar as castañas que non se comercializan nese tipo de produtos, simplemente porque non están enteiras ou non teñen bo aspecto”, apunta esta ex-alumna da Facultade de Ciencias, quen na actualidade xa está incorporada ao mundo laboral. “Despois de facer moitas probas”, desenvolveu tres receitas distintas, con diferentes ingredientes, comprobando cales se semellaban máis a unha bebida vexetal, “todo con ingredientes naturais” e, posteriormente, realizou diferentes análises físico-químicos, sensoriais, organolépticos… ata conseguir este novo tipo de bebida non láctea.

“Ser finalista dun premio así é moi enriquecedor e motívame a seguir”

“Chegar a ser finalista dun premio así é moi enriquecedor e motívame a seguir esforzándome e a continuar avanzando no meu sector”, explica a autora do proxecto, quen quere agradecer toda a axuda recibida por parte da súa titora, sobre todo, “por ter confiado en mi nese intre”.

Tal e como destacaron desde a Cátedra  AgroBank, este tipo de produtos de bebidas non lácteas están actualmente en auxe e acostuman empregar como materias primas a soia, o arroz, a améndoa, a avena ou a abelá, polo que a castaña representa unha alternativa rica en hidratos de carbono, fósforo e vitaminas B e E, cunha escasa cantidade de graxa e unha elevada cantidade de auga. Así mesmo, tamén se tivo en conta que o proxecto ten en consideración que España é un dos países europeos  cunha maior tradición no consumo de castañas e conta cunha industria arredor de dito produto capaz de proveer de castañas que non encaixan coas características idóneas para a súa comercialización, pero si para a súa transformación nunha bebida vexetal.

O galardón recoñece a excelencia feminina no sector agroalimentario

Con este premio a Cátedra AgroBank busca apoiar as mulleres científicas que traballan nos campos da agricultura, a gandaría e a alimentación, promovendo desta maneira a equidade de xénero no ámbito científico. Neste senso, os galardóns, que este ano alcanzan a súa cuarta edición, buscan recoñecer a excelencia feminina entre as alumnas que cursaran un máster sobre o sector agroalimentario, impulsando así a súa carreira.