DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha mesa redonda celebrada este mércores

Egresadas e egresados de Ciencias volven ao centro para orientar ao alumnado no seu futuro profesional

Os estudantes presentes puideron coñecer seis casos diferentes

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 11/04/2018

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense organizou este mércores, por segundo ano consecutivo, unha mesa redonda na que egresadas e egresados do centro volveron ás súas aulas para contar ao alumnado que agora se está formando nelas as súas experiencias profesionais unha vez remataron os seus estudos. O obxectivo da iniciativa foi motivar aos estudantes sobre o seu futuro profesional e axudar a orientalos dándolle a oportunidade de escoitar e falar con persoa que estiveron no seu lugar poucos anos atrás.

A través das experiencia concretas escoitadas, destacou o profesor do centro Juan Carlos Nóvoa, o alumnado puido ver “a importancia da formación continua, da busca activa de emprego e de ter iniciativa”. O docente quixo transmitir aos estudantes presentes como a súa entrada e desenvolvemento no mercado laboral non vai ser unha cuestión de sorte, senón de esforzo e dedicación "pois a sorte non existe ou como moito sorrí aos que están ben preparados”. Así, animou ao alumnado asistentes “a perder a vergonza”, a atreverse a propor e facer cousas e a apostar pola formación continua ao longo da súa vida. “É importante que vaiades vendo as opcións que tendes a curto prazo, que vaiades definindo por onde queredes ir profesionalmente”, recomendoulles Juan Carlos Nóvoa.

Consellos en primeira persoa

A cita contou coa participación das egresadas en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos Aurora Alonso, que actualmente traballa en Conservas Selectas de Galicia, e Verónica Aguiar, de Conservas Albo, e as egresadas en Ciencias Ambientais Tania Regueiro, que está en Alcoa, e Alexandra del Castillo, de Estrella Galicia. De Enxeñaría Agraria estiveron Martín Barcia, que está en Isla Bonita, e Rubén Rodríguez, que emprendeu a súa propia empresa hortícola.

A ourensá Verónica Aguiar, egresada tanto en Enxeñaría Agrícola como en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e que conta con dous mestrados pola Universidade de Vigo, un en prevención de riscos laborais e outro en enerxía, explicoulle aos asistentes a súa traxectoria en Conservas Albo, na que comezou en prácticas, na que foi traballando nos diferentes departamentos e na que hoxe en día está centrada en I+D e novos produtos. “O meu consello é que non deixen de formarse, que amplíen os seus estudos todo o que poidan, que aprendan idiomas, que estean en constante actualización”, afirmou a egresada. Aínda que os comezos sempre son difíciles, apuntou Aguiar, “con esforzo todo se pode lograr”.

Aínda con algunhas materias pendentes para rematar a carreira, Rubén Rodríguez explicoulle pola súa banda ao alumnado presente a súa decisión de emprender no mundo da horta por pertencer a unha familia de agricultores. “Na actualidade teño unha hora con 1600 metros de invernadoiros e cinco hectáreas de cultivo ao aire libre”, contou con orgullo o emprendedor. Recoñecendo as dificultades de ser autónomo, Rodríguez animou aos estudantes presentes a considerar a posibilidade de pór en marcha o seu propio negocio e explicoulles como na actividade do día a día el vai aplicando cousas aprendidas nas aulas.