DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

A elaboración de documentación electrónica para a docencia centra un curso formativo

Terá lugar nos tres campus e chegará a Ourense entre os días 11 de novembro e 11 de decembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 29/09/2008

Realizar apuntamentos para colgar na rede ou crear páxinas web con contidos para o alumnado de xeito sinxelo xa non será un problema para os profesores do campus grazas ao curso Elaboración de documentación electrónica de forma fácil. Inserido nas accións formativas que promove a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, o obradoiro pretende abordar os problemas da creación, fluxo, manexo e organización da información electrónica, o seu uso didáctico e os medios, ideas e programas para a súa xestión.
Nun horizonte cada vez máis próximo de adaptación total ao EEES no que, sobre a presenza nas aulas, prima o traballo do alumno fóra delas, “estas ferramentas son esenciais para potenciar a dualidade” explica o profesor do curso, José C. Troncoso. Pero tanto el como o seu compañeiro, José A. Alonso, detectaron un problema por parte da comunidade universitaria á hora de elaborar estes documentos electrónicos. "Á xente sen coñecementos informáticos cústalle moito traballo e esforzo realizar apuntamentos axeitados ou páxinas web que cumpran os obxectivos agardados” ,afirma Troncoso que asegura que "unha vez feitos o seu mantemento supón moito tempo adicional polo que a maioría cansan e abandonan”.
Dirixido a este perfil de profesores, decidiron crear un curso coa a idea “de dar unhas nocións básicas sobre como elaborar documentación electrónica para as clases, con ferramentas moi sinxelas”. Así, empregando paquetes ofimáticos básicos e programas como Word, Excel ou Power Point, “podemos xerar arquivos en formato de impresión PDF cos que traballando de forma correcta podemos obter documentos versátiles e cómodos de usar” dixo Troncoso. Ademais da súa sinxeleza, estes arquivos teñen a característica de que “ocupan moi pouco á hora de subilos á rede, podemos protexer a nosa autoría e recuperar todo o que xa temos”. Pero máis alá de crear un simple PDF co noso material, “o formato ofrece moitas posibilidades reais practicamente multimedia como crear páxinas web baseadas nel e facer auténticas marabillas” engadiu o profesor.

Información para os interesados

O curso, que se celebrará nos tres campus, chegará a Ourense entre os días 11 de novembro e 11 de decembro, cun total de 20 horas presenciais impartidas polas tardes. Na súa primeira edición “tivo unha resposta excelente xa que ofrece contidos sinxelos e complementa a outros cursos máis específicos” explicou Torncoso. De feito, á hora de poñerlle nome quixeron incluír a palabra fácil “para quitarlle o medo á xente e demostrar que con ferramentas moi simples podemos facer cousas o suficientemente boas”.
Os interesados deberán matricularse canto antes a través da Área de Posgrao Virtual, xa que as 20 prazas que se ofertan serán adxudicadas por rigorosa orde de preinscripción.