DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Proxéctase no campus de Ourense o documental 'Memoria e sexualidade das mulleres baixo o franquismo'

Elas afortunadamente non eran inmaculadas, perfectas e submisas

O vídeo de Cecilia Montagut fai memoria das orixes do feminismo e da vida das lesbianas na ditadura

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 27/11/2012

Mulleres inmaculadas, perfectas nais, perfectas fillas e perfectas esposas que vivían para satisfacer submisamente aos seus homes, proxenitores e descendentes. Ese era o modelo de muller que a propaganda do franquismo defendía e intentaba difundir. Sen embargo, a realidade é sempre moito máis diversa e rica que os canons que a intentan simplificar, incluso durante as ditaduras, e así queda patente no documental de Cecilia Montagut Memoria e sexualidade das mulleres baixo o franquismo, que este martes se proxecta, ás 20.00 h, no campus de Ourense dentro dos actos de conmemoración do 25 de novembro Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero.

O documental, explica Montagut, nace dun proxecto de investigación homónimo nado en 2007 “que intenta sacar á luz a historia da sexualidade e da muller durante o franquismo”. Froito desta iniciativa, no ano 2010 realizouse un seminario no Museo Raíña Sofía e na UNED no que un panel moi diverso de investigadores expuxeron os seus traballos neste eido. “No documental parto das 15 horas de gravación do seminario e creo un discurso homoxéneo no que se dá cabida ás diferentes voces que alí estiveron”, apunta a directora. As mulleres disidentes co réxime, a chegada da transición, o nacemento do movemento feminista en España, a visibilización do colectivo lesbiano e outros aspectos de relevancia para acadar a igualdade, son algún dos aspectos que van abordando os investigadores no documental.

A tempo de lembrar

Son moitas as historias que recolle a obra proxectada, que chega ao campus grazas á colaboración do colectivo Anacos da Cidade de Ourense. Entre elas, Montagut cita, por exemplo, o testemuño de Luisa Salmerón, que narra as visicitudes cotiás das mulleres lesbianas durante os anos corenta. “Vivían a súa sexualidade como podían pero a vivía e iso é importante lembralo. Si, no franquismo tamén había mulleres lesbianas”, apunta a directora. Tal e como lembra no documental Luisa Salmerón, este colectivo tiña que empregar todo tipo de artimañas para sobrevivir, como irse de acampada xunto a amigos homosexuais ou empregar un vocabulario concreto para recoñecerse e entenderse. Así por exemplo, empregaban o nome de “libreiras” para denominarse a si mesmas e as novas mulleres que entraban no círculo eran chamadas “cómics”.

Entre outros moitos datos e recordos que recolle o vídeo sobre o desenvolvemento do feminismo en España, Montagut salienta o papel de Carlota O'Neill e o seu libro A muller na guerra de España, ou o de Lidia Falcón, unha das fundadoras do Partido Feminista que acadou publicar neste órgano unha revista de carácter xeral para mulleres, onde se falaba de temas como a política e a economía e non só de moda e vida social como viña acontecendo ata daquela. “Todos estes testemuños son dun valor incalculable porque estamos falando de mulleres xa moi maiores. Lamentablemente cando se tiña que ter feito non se fixo a recollida da nosa memoria histórica e agora estes poucos testemuños son fundamentais para entender esa parte da historia das mulleres”, subliña Montagut.

Alén desta proxección e tamén co gallo da conmemoración o día 25 de novembro do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo trae ao campus de Ourense a proxección do vídeo Secret Strike Lleida, unha obra da artista Alicia Framis no que se denuncia o inmobilismo institucional respecto á violencia de xénero e que se pode ver estes días na Biblioteca universitaria.