DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xogadoras de rugby clasifícanse para a final e as de baloncesto loitan polos postos de cabeza

Elas e as categorías inferiores lideran o éxito dos equipos do campus

O equipo sub 18 de rugby gañou esta fin de semana a liga galega

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 07/04/2014

Esta fin de semana o protagonismo non foi dos primeiros equipos deportivos do campus de Ourense. As categorías femininas e inferiores de baloncesto e rugby foron as encargadas de conseguir bos resultados nos terreos de xogo e de levar o entusiasmo ás gradas. Deste xeito, as xogadoras de rugby clasificáronse para a final da liga galega, as de baloncesto sumaron unha nova vitoria na súa loita polo liderado da primeira división autonómica e o equipo sub 18 do Campus Ourense Rugby Club gañou esta fin de semana a liga galega da súa categoría.

Rugby

Segundo explican desde o club, as xogadoras do Campus Ourense Rugby clasificáronse o sábado en Barcia, Lalín, tras gañar por 5 a 48 ao Coreti Lalín. Á espera de coñecer cal será o seu rival, que pode ser Vigo ou Muralla de Lugo, indican desde o club, as xogadoras adestrarán os vindeiros días ao máis alto nivel para poder gañar a liga a próxima fin de semana e poder así xogar a fase de ascenso que se disputará en Sevilla a finais do mes de abril.

Ademais desta vitoria, o Campus Ourense Rubgy celebrou esta fin de semana que o equipo sub 18 conquistou a liga galega derrotando ao Pontevedra Rugby Club por 20 a 0 puntos. Un resultado que enche de especial satisfacción ao club por tratarse da canteira do equipo e o futuro deste deporte na cidade.

Baloncesto

En baloncesto, a nota positiva da xornada tamén a puxo o equipo feminino, que na xornada 15 da primeira división autonómica feminina se enfrontou ao C Pío XII Fedesa, ao que gañou por 48-87 puntos. Con este marcador, as ourensás mantéñense no terceiro posto da táboa, empetadas a dez partidos gañados e tres perdidos co segundo clasificado, o Universitario de Ferrol, e a tan só unha vitoria do líder de grupo, o Arxil Mafari Café. O día 12, o conxunto universitario enfrontarase ao La Salle buscando unha nova vitoria que afiance as súas aspiracións.

Polo que respecta á categoría masculina, o Universitario Campus de Ourense perdeu contra o Porriño Baloncesto Base por 68-59 puntos na xornada 20 da primeira división masculina. Con este resultado, os ourensáns sitúanse no décimo posto da táboa.