DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o constata a investigación 'Os traballos de coidado remunerados: unha ollada dende a provincia d

Elas seguen a ser as responsables de atender aos maiores

O 84,7% das persoas que reciben a prestación da Lei de Dependencia son mulleres

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 04/05/2012
Sexa profesional ou non, a atención dos maiores segue a ser unha responsabilidade de mulleres. Así o constata a investigación Os traballos de coidado remunerados: unha ollada dende a provincia de Ourense, levado a cabo por un equipo interdisciplinar do campus de Ourense. Por ser unha das zonas máis envellecidas de Europa, a situación de Ourense foi analizada como unha mostra significativa do que está a acontecer e/ou pode suceder noutras comunidades. “Os esquemas familiares á hora de abordar a cuestión dos coidados son iguais que cincuenta anos atrás”, advirte a docente Carmen Verde, directora da investigación. O 84,7% das 3.610 persoas que reciben a prestación económica de coidados familiares da Lei de Dependencia son mulleres. Ser filla solteira, cónxuxe ou nora da persoa dependente dá todas as papeletas para que nas negociacións familiares lles toque a elas asumir este traballo.

O estudo, financiado pola Vicerreitoría do campus de Ourense, foi realizado por un equipo da Facultade de Ciencias da Educación formado por Carmen Verde, Purificación Mayobre, Iria Vázquez, Carmen Pereira, Carmen Armada e Francisco Aguiar, contando coa colaboración de Irene Cecilia Álvarez, Ana Atrio e Rubén González. A investigación, explica Iria Vázquez, analiza os casos de coidadoras remuneradas dende os servizos públicos a través de dúas vías principais, como son auxiliares de axuda a domicilio pagadas polos organismos públicos e persoas que coidan dun familiar remuneradas a partir da Lei de Dependencia. Na primeira fase da investigación realizouse unha recompilación e explotación de datos estatísticos e posteriormente levouse a cabo 12 entrevistas en profundidade a coidadores e coidadoras familiares e públicos.

Entre os resultado obtidos destacan aqueles que afondan no perfil das persoas que atenden aos maiores. “Respecto ás coidadoras familiares o resultado máis relevante ten que ver coa constatación de que os esquemas familiares se atopan conxelados no tempo. As variables fundamentais detectadas que resultan fundamentais á hora de determinar quen se ten que ocupar de coidar á persoa dependente no fogar seguen sendo o sexo, o grao de parentesco e o estado civil", advirte Carmen Verde. Deste xeito, explica, ser muller, filla, cónxuxe ou nora da persoa dependente e ademais solteira agrupa unha maior probabilidade de coidar á persoa dependente, pois "as negociacións de quen debe coidar na familia segue a estar dominada por uns fortes estereotipos de xénero”.

Máis tempo para o acompañamento emocional

Polo que respecta ás auxiliares de axuda a domicilio o seu perfil é de novo maioritariamente feminino. Neste caso o estudo destaca o feito de que moitas delas non son contratadas polo concello senón por empresas subcontratadas, e que no exercicio do seu traballo teñen unha serie de dificultades específicas provocadas polo grao de dispersión e envellecemento das zonas rurais ourensás. “Dende unha perspectiva de xénero, é necesario destacar que o feito de ser “profesionais” do traballo de coidado se ten amosado unha variable que inflúe na naturalización dese papel tamén dentro da familia”, advirte Iria Vázquez.

De xeito transversal, destaca o estudo, todas as traballadoras apuntan o escaso tempo que teñen para dedicarlle a cada dependente. “Moitas traballadoras só dispoñen de tempo para a realización de tarefas domésticas e de aseo persoal do maior, quedando relegadas outro tipo de actividades de coidado emocional, como conversar e facer tarefas máis de acompañamento”, advirte Carme Verde. Esta dificultade foi destacada especialmente por aquelas traballadoras subcontratadas por empresas, onde o cumprimento das tarefas domésticas ten certa prioridade, apunta o estudo.

Un reto para este século

“Envellecer é un logro social, non un problema. O problema é que non nacen máis nenos. Un dos grandes retos do século XXI é e será o dos coidados porque estamos en sociedades cada vez máis envellecidas e polo tanto hai que pór en valor a súa existencia e mellorar as súas condicións”, salienta Purificación Mayobre. Recoñecendo que a Lei de Dependencia supuxo un avance, aínda que na práctica non chegou a todas as persoas necesitadas, Carme Verde advirte sobre as posibles consecuencias da crise económica neste sector. A docente amosa a súa preocupación porque os recortes sociais repercutan de novo en que a muller se autorresponsabilice dos coidados dos maiores sen contraprestación económica.

Despois da realización deste primeiro estudo, o grupo de investigación está a darlle continuidade ao traballo realizado no marco da Cátedra de Estudos Feministas da Universidade de Vigo, realizando un estudo da situación dos coidadores e coidadoras no ámbito autonómico galego.