DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carmen Isasi analizou na súa tese de doutoramento a autopercepción dun grupo de universitarios

Elas vense con máis quilos dos que teñen, eles non

O estudo non detectou una excesiva preocupación pola imaxe corporal nin obsesión pola delgadeza

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 12/12/2012

Cando nos miramos ao espello é moi difícil que nos vexamos a nós mesmos tal e como somos fisicamente. Vemos unha imaxe deformada en base ao que pulula pola nosa cabeza dun xeito máis ou menos consciente. Na súa tese de doutoramento, a investigadora Carmen Isasi analizou a autopercepción da imaxe corporal e a súa relación coa dieta nun grupo de universitarios. Sen detectar unha excesiva preocupación pola imaxe, os resultados indican que eles acertan máis á hora de verse no espello mentres que elas tenden a verse con máis quilos dos que en realidade teñen.

Maior insatisfacción corporal

Isasi Fernández, docente na Universidade da Coruña, presentou recentemente na Facultade de Ciencias do campus de Ourense a súa tese de doutoramento, dirixida polas profesoras do centro Julia de la Montaña e Montserrat Míguez e polo catedrático da UDC Salvador Pita. Na investigación, froito de cinco anos de traballo, a investigadora explica que estudou “a autopercepción que teñen sobre a súa imaxe corporal o alumnado de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, as súas medidas antropométricas, os seus hábitos alimentarios e a calidade da súa dieta”. Con este traballo, destaca, quixo suplir a escaseza de investigacións neste eido, especialmente entre o público universitario.

En total foron 288 os estudantes que participaron na investigación durante o curso académico 2007/2008, somenténdose a diferentes cuestionarios e medicións. “Non observamos unha excesiva preocupación dos universitarios pola súa imaxe corporal nin obsesión pola delgadeza pero si vimos que as mulleres sobreestiman o seu peso mentres que os homes non o fan”, apunta Isasi. A percepción subxectiva de ter quilos de máis, explica, é máis elevada nas mulleres (54,8%) que nos homes (41,7%). Collendo esta autoimaxe e comparándoa coa realidade, o estudo indica que o 33,3% das mulleres considera que teñen quilos de máis cando realmente están en normopeso, sendo esta porcentaxe do 5% no caso dos homes. “A insatisfacción corporal é maior nas mulleres e increméntase a medida que aumenta o índice de masa corporal e diminúe coa idade", subliña.

Os homes teñen máis sobrepeso

Alén de analizar a autopercepción, a investigación analizou as medidas corporais do alumnado e a súa dieta para ver a correspondencia neste caso entre realidade e pensamento. Os resultados indican unha prevalencia de sobrepeso do 23% e de obesidade do 4,5%, sendo maior a porcentaxe en homes que en mulleres, e poñendo en evidencia a práctica dunha dieta afastada do patrón mediterráneo polo seu aporte elevado en proteínas e baixo en hidratos de carbono.

“O alumnado estudado consume as racións recomendadas en lácteos, pescado e legumes. O consumo é superior ao recomendado en carnes vermellas e embutidos e inferior en ovos, carnes brancas, verdura e froitas, cereais, pastas e patacas”, subliña Carmen Isasi. Segundo a tese, os homes teñen unha inxesta calórica superior á das mulleres, comendo significativamente os homes máis ovos, carnes vermellas, embutidos, froitos secos, patacas, pan e bebidas alcohólicas e as mulleres máis café e infusións.