DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo Francesc Pallarés, convidado ao acto de clausura do curso do Grao en Dirección e Xestión Púb

As eleccións autonómicas galegas de 2013 prevense "moi axustadas"

Tamén afondou no sistema sistema representativo da democracia española, motivo de protestas do 15-M

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 14/05/2012

Aínda que catalán de nacemento e de formación, é profundo coñecedor do sistema electoral galego contando no seu haber con numerosas publicacións sobre o tema. Francesc Pallarés, catedrático de Ciencia Política da Universitat Pompeu Fabra, foi convidado ao acto de clausura do curso 2011-2012 do Grao en Dirección e Xestión Pública da man da Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo. Dende a súa condición de experto do estado autonómico español, Pallarés sinalou que a incerteza e o equilibrio entre as forzas políticas galegas provocan que “as próximas eleccións de 2013 sexan un escenario aberto sen un claro vencedor”.

O catedrático da Universitat Pompeu Fabra insistiu en que a cidadanía vive nestes momentos nun estado de desasosego polo contexto económico de inseguridade “xurdindo situacións e resultados imprevisibles”. Pallarés remontouse ás últimas eleccións autonómicas galegas de 2009 e lembrou que os populares venceran “cando aínda o voto socialista non comezara verdadeiramente a erosionarse”, tocando fondo nos resultados acadados nas últimas eleccións xerais. Non obstante, Pallarés tamén fixo alusión aos comicios andaluces “nos que se comezou a ver os efectos da xestión da crise por parte do Partido Popular, con medidas que tampouco están sendo satisfactorias e que tamén lle están ocasionando perda de votos”. Así, o experto manifestou que Galicia vivirá unhas eleccións axustadas motivadas por un contexto xeral máis que local “xa que nestes momentos os factores determinantes para a selección dunhas siglas ou de outras non son cuestións nin de carácter autonómico nin estatal, máis ben de perspectiva internacional”, engadiu. Neste senso, quitoulle importancia ao papel que xogan os candidatos nas eleccións, “tanto que nas autonómicas de 2011 o candidato non contou practicamente para nada e en todas as eleccións deuse a mesma evolución do PSOE e do PP”.

Cambios no panorama actual

De novo, co tema enriba da mesa da recentralización das autonomías, o experto foi contundente ao afirmar que nos casos concretos de Cataluña e País Vasco “é inconcibible un retroceso no seu autogoberno” dándose unha situación de polaridade “que nunca existira ata o momento”. O catedrático tamén fixo alusión á situación política vasca do momento e reflexionou que é probable que o Partido Socialista poida gobernar en minoría “dada a imposibilidade de que PP e PNV se unan para unha moción de censura”. Non obstante, o experto amosouse a favor de convocar novas eleccións xa que existen razóns para o cambio “pois partidos como Bildu ou Amaiur non están no parlamento e si representan unha parte importante da sociedade vasca”. Igualmente se referiu ao contexto asturiano sinalando que un escano da UPyD “será o que decida o goberno en coalición dos próximos catro anos, unha determinación excesiva”.

Fallos do sistema representativo en España

Dado que este martes se cumpre un ano do movemento 15-M, Pallarés lembrou unha das súas principais reivindicacións, o mal funcionamento do sistema representativo en España. Sinalou que en moitos casos os políticos “queren comezar a casa polo tellado e botar balóns fóra” con reformulacións, como a posibilidade dunha elección directa das deputacións, que “non solucionan os problemas de base”. Para este experto catalán, unha das primeiras medidas que se deberían tomar para que o sistema fose máis representativo basearíase “en racionalizar o sistema local para que un 60% dos concellos non represente só ao 3% da cidadanía e para que outro 2% non equivalla a máis dun 50% dos españois”. Pallarés concluíu que este mapa municipal “non funciona” polo que a reforma debería “ir neste camiño”.