DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Almudena Fernández, docente da Facultade de Belas Artes:

“O elemento inspirador foi a memoria do Marco”

A súa obra 'Pattern Panóptico' está exposta no vestíbulo do museo vigués

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Anabel Vila DUVI 26/01/2011
O traballo de Almudena Fernández estase a centrar na idea de que a pintura “non é só un cadro que se pode levar dun lugar a outro sen que pase nada”. “A miña obra está pensada para un lugar concreto, para un espazo expositivo definido”, explica a docente da Facultade de Belas Artes. Por iso, e partindo destas premisas, a artista viguesa creou a intervención Pattern Panóptico, exposta no Marco de Vigo. “Primeiro busquei un elemento que me dera as pautas da intervención. Ás veces é unha columna, outras o debuxo que fai o chan. Neste caso foi a arquitectura do edificio a que me inspirou”, recoñece Fernández.

O edificio que agora acolle o museo foi na súa orixe unha cárcere levantada baixo as premisas do filósofo Jeremy Bentham, que en 1791 elaborou o ideal dun centro penitenciario. O concepto dese deseño permite ao vixiante observar dende unha torre central a todos os prisioneiros sen que estes poidan saber se están a ser observados ou non. “Quería facer visible a estrutura, rescatar a memoria do espazo”, asegura. Deste xeito, ademais, “perde a súa utilidade, a de vixiar sen ser visto. Convértese nun elemento ornamental”, recalca a autora.

Para isto, Fernández partiu dunha forma, o plano do edificio, que converteu nun “elemento patrón que ao multiplicarse, seguindo un esquema compositivo predeterminado de simetría, rotación e repetición sistematizada conforma unha trama ornamental”. Os motivos reproducidos sobre papel cun proceso de impresión dixital “desmitifican o acto creativo asociado ao pintor, cuestionan a aurática presenza da man, a mestría e o virtuosismo que tradicionalmente se supón ao oficio do pintor”, explica a artista, quen subliña a importancia da localización da obra, exposta no vestíbulo de entrada ao museo, “tapizando a parede que dá entrada ao panóptico”.

A breveverba chega a A Coruña

A segunda parte da exposición A breverba inaugurase o día 28 de xaneiro no Kiosco Alfonso de A Coruña, apenas unha semana despois de deixar Vigo. Nela os vigueses Almudena Fernández e Bosco Caride e os coruñeses Tatiana Medal e Xurxo Gómez-Chao, volven crear unha proposta única, esta vez para o espazo expositivo da cidade herculina.

No caso da docente da Facultade de Belas Artes, a obra trata de “levar dentro o exterior do edificio”, asegura a artista. O Kiosco Alfonso é un edificio modernista na súa estrutura, pero no que se realizou unha restauración nos anos 80 totalmente en desacordo co espírito art-decó, “por iso dentro vai o exterior, en negativo, coma se fose unha radiografía do espazo”, explica Fernández. O certo é que a profesora viguesa está a traballar nese eido, o de “crear unha pintura pensada para o lugar no que se expón, que deixe de ser un cadro que se pode trasladar. Agora xa non ten sentido se non está no lugar concreto para o que foi creada”, explica.