DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras obter o respaldo maioritario da xunta de escola do centro

Elena Alonso asume a dirección da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

A liña prioritaria será a captación de alumnado, especialmente para o grao en ERME

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 04/07/2018

Elena Alonso Prieto, profesora titular da Área de Explotación de Minas, foi elexida este mércores  -28 votos a favor,  1 abstención e ningún en contra- nova directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía substituíndo no cargo á profesora María Araújo, que exercía como directora en funcións tras asumir Natalia Caparrini, a anterior directora, o cargo de vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria. 

Xunto a Alonso Prieto completan o novo equipo directivo do centro a profesora María Araújo, como subdirectora de Planificación e Organización Académica; David Patiño, como subdirector de Infraestruturas; José Santiago Pozo, como subdirector de Relacións Externas e Mobilidade, e Ángeles Saavedra, como secretaria. “É un equipo formado por persoas con experiencia en xestión académica ou xestión de investigación, moi implicadas na vida académica do centro e que proveñen de diferentes ámbitos e sensibilidades, o que penso que é un elemento esencial e moi enriquecedor”, subliñou a xa nova directora do centro, que quixo tamén agradecerlle a todas e todos ter aceptado formar parte deste proxecto “para min inconcebible se non se formula como un traballo de grupo e cun bo equipo”.

Enxeñeira de Minas pola Universidade de Oviedo e doutora pola de Vigo dende o ano 2002, con Premio Extraordinario de Doutoramento, Elena Alonso Prieto centrou sempre o seu labor investigador no ámbito da área de coñecemento de Explotación de Minas, campo no que tamén desenvolve o seu labor docente. En canto ós labores de xestión cabe destacar o cargo desempeñado como directora de Estudos de Posgrao da Universidade de Vigo desde 2006 a 2012, e como Xestora de Proxectos de Investigación da Xunta de Galicia desde 2008 a 2013. Na actualidade levaba a cabo labores de coordinación do Máster Universitario en Enxeñaría de Minas e participou nas eleccións a reitor como integrante da candidatura de Ideas que Suman, encabezada polo catedrático Emilio Fernández.

Especial énfase en potenciar todas as saídas profesionais relacionadas co medio ambiente

Por diante quedan tres anos de traballo nos que a liña prioritaria deste novo equipo será a captación de alumnado, especialmente para o Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, ERME. “Esta titulación ten tres especialidades, enerxía, materiais e minaría e, pola contra, a actividade profesional de egresadas e egresados asóciase case exclusivamente á minaría, actividade que posúe unha connotación negativa na sociedade”, explicou Alonso Prieto, quen fixo fincapé en que desde a escola formularon un conxunto de accións a curto e longo prazo con dous obxectivos claros: captar estudantes e visibilizar ante a cidadanía, empregadores e administracións os labores propios dun profesional destas características. “Debemos amosar que non só somos técnicos expertos en deseño e execución de explotacións mineiras, excavacións e voaduras. Tamén somos profesionais que coñecemos os efectos que sobre o medio ambiente ten a extracción de recursos minerais e, polo tanto, estamos capacitados para deseñar as explotacións coa menor afección ao medio ambiente, realizamos estudos de impacto ambiental, plans de restauración...”, recalca a directora. En xeral trátase dunha cuestión de responsabilidade social. “Debemos formar ás nosas técnicas e técnicos para que saiban formular solucións tecnolóxicas que se axusten a criterios de desenvolvemneto sostible, outra opción é inxustificable”, apunta Alonso, quen tamén se marca como obxectivo conseguir que se asocie a profesión con saídas profesionais relacionadas coa xestión dos riscos xeolóxicos, xestión do territorio, valorización de residuos ou remediación de solos contaminados, entre outros.

Traballarase tamén na mesma liña para o Grao en Enxeñaría da Enerxía, onde tratarán de explotar o feito de que ofertan o único grao do Sistema Universitario Galego que forma a profesionais especialistas nesta área. 


Promoverase un convenio de dobre titulación internacional

A nivel académico o obxectivo é revisar os plans de estudo do Máster en Enxeñaría de Minas e dos dous graos que dan acceso ao mesmo. “Agora dispomos da experiencia acumulada nos últimos anos para valorar que conviría retocar e facer unha formulación integral da formación no ámbito da enxeñaría de minas, desde os estudos de grao aos de doutoramento”, indica a nova directora, ao que engade que tamén se buscará intensificar a relación coas empresas e entidades externas a través de convenios de prácticas, acordos de colaboración para a realización de Traballos Fin de Grao e Fin de Máster, equipación de espazos docentes, dotación de premios e bolsas...  “Cremos irrenunciable a internacionalización das nosas titulacións, potenciando  a mobilidade estudantil e do profesorado”, subliña a directora, ao tempo que adiantou que se traballará para promover un convenio de dobre titulación internacional.

Tamén a curto prazo formulan a necesidade de dinamizar a vida cultural do centro. “Pensamos que se poden lanzar actividades de orzamento baixo, implicando a asociacións, particulares e á propia institución”, apunta Alonso.

.