DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ministra de Medio Ambiente afondou no ciclo de conferencias na política actual da auga en España

Elena Espinosa apela na inauguración de Universium ao esforzo de toda a sociedade para que faga un uso responsable da auga

Segundo Pedro Arrojo "atopámonos ante un reto planetario, non pola escaseza da auga, senón pola cont

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 03/11/2008

O ciclo Universium comezou este luns con mensaxes directos de responsables políticos e especialistas sobre a necesidade de que a sociedade civil e os xestores traballen de xeito conxunto para lograr un desenvolvemento sostible na xestión da auga en España. O ciclo que contou na súa xornada inicial coas intervencións da ministra de Medio Ambiente, Mariño e Rural, Elena Espinosa e do profesor de Análise Económico da Universidade de Zaragoza e membro fundador da Fundación Nueva Cultura del Agua, Pedro Arrojo, “asume”, segundo o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago “o reto de centrarse nesta edición, nun tema que ocupa un lugar prioritario nas nosas vidas como é a auga e a política da auga”.
A coordinadora do ciclo, Isabel Pardo, incidiu na súa intervención na necesidade de articular instrumentos para a xestión da auga, ao tempo que apuntou á “importancia de implicar á sociedade civil para que contribúa a que se cumpran os plans deseñados polas administracións”. Pardo que apelou ao traballo conxunto de xestores e usuarios para lograr un desenvolvemento sostible, enumerou os que considera os tres grandes desafíos da xestión da auga en España, “cantidade, calidade e variación no tempo”.

O Parlamento de Galicia, exemplo para concienciar á cidadanía

Na súa intervención ante un público que encheu a sala I do edificio Miralles, a presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, falou da estratexia posta en marcha pola institución que preside para un aproveitamento sostible dos recursos. “Coa instalación de billas temporizadoras e difusores de caudal de auga, incrementamos o aforro do 30% no uso da auga, o que supón nunha lexislatura o equivalente a dúas piscinas olímpicas, 4,8 millóns de litros”, destacou Villarino. A presidenta do Parlamento que asegurou que desexaba que a experiencia da institución servise como exemplo para concienciar á cidadanía da importancia de cada pequeno esforzo, sinalou que “os recursos hídricos deben de ser un elemento de vertebración do territorio”, ao tempo que lembrou que “trátase dun recurso escaso que precisa dun mellor aproveitamento con medidas de aforro, rexeneración e reutilización da auga”.
Villarino que manifestou a súa aposta pola aplicación da I+D+i ao desenvolvemento das tecnoloxías, asegurou que “somos plenamente conscientes de que o camiño para a solución deste problema comeza pola aplicación da cultura da xestión sostible e responsable da auga”.

As liñas mestras da política da auga do Goberno

A ministra de Medio Ambiente que expuxo na súa intervención as liñas básicas da política do goberno, comezou por referirse ao contexto climático e hidrolóxico de España “caracterizado pola súa diversidade climática, o que implica unha grande heteroxeneidade de concas hidrográficas”, sinalou Espinosa.
A ministra que incidiu na necesidade de acadar os obxectivos da Directiva Marco da Auga, lembrou a redefinición que se produciu no ano 2004 nas políticas da auga en España, “co obxectivo de superar as deficiencias no control e eficiencia de usos”.
Así, fixou catro grandes liñas de actuación na política da auga que está a desenvolver o Goberno e que se traducen en: garantía de usos, recursos no convencionais, recuperación e xestión do medio ambiente e xestión de riscos.
En relación coa garantía de usos ou como garantir as diferentes demandas de abastecemento, Espinosa destacou a elaboración de plans especiais de seca, desalinización ou plan nacional das augas. Mención especial realizou a ministra ao plan de choque elaborado polo Goberno para modernizar os regadíos nos que, segundo a ministra “desde 2004 o rego localizado é predominante”.
En relación cos recursos non convencionais, reutilización de augas depuradas e desalinización, Espinosa cualificou o seu uso como “imprescindible”. No caso da reutilización de augas, a ministra lembrou que en decembro de 2007 aprobárase un Real Decreto que define o concepto de reutilización, mentres que no caso da desalinización destacou o aforro de custos logrado grazas aos importantes avances tecnolóxicos que se produciron nos últimos anos.
No apartado de recuperación e xestión, a ministra referiuse ao Plan Nacional de Calidade das Augas que ten o obxectivo, apuntou, “de restaurar o ríos a través da concienciación e accións de conservación”.
Xa por último, no apartado referido á xestión de riscos, Espinosa, centrouse nas accións postas en marcha polo Goberno para facer fronte a fenómenos extremos como secas e inundacións, entre os que destacan a solicitude realizada á UE para que España acolla un Observatorio da Seca e a elaboración dun Sistema Nacional de Cartografía de zonas inundables, accións que teñen o obxectivo, sinalou a Ministra, “de evitar os actuais danos económicos e persoais producidos todos os anos por estes fenómenos”.
Espinosa finalizou a súa intervención apelando ao esforzo de toda a sociedade para que faga un uso responsable da auga, “un dos recursos máis escasos que temos en España”, sinalou, ao tempo que lembrou que "falar de auga é falar de moitos postos de traballo e riqueza, ao tempo que se xestiona un recurso hídrico que necesitamos para a vida".
Finalizada a súa intervención tanto a ministra como a presidenta do Parlamento de Galicia recibiron de mans do reitor e da coordinadora do curso, cadanseu cadro, obra de Ignacio Gómez, director da Sala Alterarte e ex alumno de Belas Artes.

A aposta de Pedro Arrojo pola ecohidroloxía

“Debemos devolver o seu espazo á auga e renegociar as condicións que unen á sociedade con ela, pasando da hidroloxía á ecohidroloxía”. Esta é a posta de Pedro Arrojo, profesor de Análise Económico da Universidade de Zaragoza, que afondou nas novas estratexias que toda a Unión Europea debe aplicar para enfrontarse as consecuencias inminentes do cambio climático.
Membro fundador da Fundación Nueva Cultura del Agua, Arrojo destacou que nos atopamos ante un reto planetario, non pola escaseza da auga, xa que somos o planeta azul, senón pola contaminación. “A xente non morre de sede, morre pola falta de calidade da auga, pola maltratada saúde dos ecosistemas acuáticos e esa é unha irresponsabilidade por parte de todos nos, que debemos implicarnos na recuperación dos ecosistemas, na calidade ambiental e na saúde pública”, sinalou.
Arrojo estivo acompañado polo director xeral de I+D, Salustiano Mato, que destacou que no caso específico de Galicia “xa fai moito tempo que non sobra a auga, pero seguimos pensado que é de balde aínda co cambio climático convertido xa nunha realidade”. Neste sentido Mato avogou por un cambio cultural no que se refire á auga, “non un cambio de estratexias tecnolóxicas, senón un cambio de percepción”.
Neste sentido o profesor Arrojo subliñou a importancia de tomar medidas agora, no presente, para poder afrontar os malos momentos do futuro, en forma de secas ou de inundacións e destacou a importancia da directiva Marco neste cambio de paradigma. Sobreexplotación, excesivas extensións agrícolas de regadío, contaminacións, máis dun millón de pozos ilegais, un deseño urbanístico irrespectuoso coa natureza e o propio cambio climático poden facer “que a natureza que volva contra nós como consecuencia de políticas que sempre quixeron dominala”. A solución: “ser máis sabios e menos prepotentes e pensar que os anos de vacas fracas se xestionan nos anos de vacas gordas”. É dicir, recuperar a saúde de ríos, acuíferos e brañais, antepoñendo ou compatibilizando ecoloxía a economía para poder dar resposta a anos de escaseza.