DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A docente conta cunha dilatada traxectoria de 15 anos no eido universitario

Elena Rivo, candidata a decana de Ciencias Empresariais e Turismo

As votacións celebraranse o día 11 de abril en sesión extraordinaria da Xunta de Facultade

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 04/04/2013

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrará o vindeiro 11 de abril a votación para elixir un novo equipo decanal. Rematado este mércores o prazo para a presentación de candidaturas, hai unha proposta que optará á elección, a da profesora Elena Rivo e o seu equipo. Despois de arredor de 15 anos desenvolvendo tarefas de docencia e investigación no eido universitario, Rivo aspira a dirixir o centro ourensán os vindeiros tres anos e dar relevo así ao equipo encabezado por Elisa Alén, que non se presentou á reelección despois de rematar o seu mandato e o período en funcións.

O equipo que se presenta con Elena Rivo a estas eleccións está formado por Elena de Prada, que sería vicedecana de Relacións Internacionais; Mercedes Mareque, que ocuparía o vicedecanato de Organización Académica; María de la Cruz del Río, que sería vicedecana de Calidade, e Diego Rodríguez-Toubes, que ocuparía o videcanato encargado da coordinación de graos, traballos fin de grao e informática. A secretaría do centro estaría ocupada por Beatriz González. O día 11 de abril, esta candidatura será votada en sesión extraordinaria da Xunta de Facultade, composta, alén de polo equipo decanal, polos docentes, axudantes e bolseiros do centro e por unha presentación do estudantado e do persoal de Administración e Servizos.

Continuidade e internacionalización

“Ademais da docencia e da investigación, tamén me gusta a xestión e tras levar a coordinación do grao de Administración e Dirección de Empresas e do Máster Oficial Universitario en Creación, Dirección e Innovación na Empresa, e vendo que non había máis candidaturas vin unha posibilidade de presentarme e así o fixen”, destaca a profesora do Departamento de Organización, Empresas e Márketing, que xa conta con experiencia no eido da xestión tanto pública, pois foi durante catro anos tenente alcalde e concelleira de Economía e Facenda de Ourense, coma na privada, tras traballar nunha caixa galega.

Facendo fincapé no bo traballo realizado polo equipo decanal saínte, Elena Rivo subliña que “deixaron o pavillón moi alto, polo que a miña idea é de continuidade na dirección do centro”. Deste xeito, e tendo en conta a súa formación, destaca a importancia de que a facultade “siga reforzando a conexión entre empresas e universidade para o beneficio das dúas partes, a través de liñas de investigación conxuntas, de prácticas de estudantes e de todo tipo de iniciativas". Tal e como se reflicte na estrutura de decanato proposta, si lle gustaría incentivar a faciana internacional do centro para atraer alumnado foráneo e para abrir vías de colaboración con centros doutros países.