DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A votación realizouse este xoves en sesión extraordinaria da Xunta de Facultade

Elena Rivo é elixida decana de Ciencias Empresariais e Turismo

A súa candidatura obtivo 38 votos a favor, un en contra e cinco en branco

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 11/04/2013

A docente Elena Rivo será os vindeiros tres anos a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. A súa candidatura obtivo este xoves 38 votos a favor, un en contra e cinco en branco na votación da Xunta de Facultade, composta polos docentes, axudantes e bolseiros do centro e por unha presentación do estudantado e do persoal de Administración e Servizos. A profesora substitúe no cargo a Elisa Alén, que deixou o posto agradecendo aos membros do centro toda a colaboración prestada durante os anos de mandato.

Segundo explicou Elena Rivo, o novo equipo decanal da facultade estará formado por Elena de Prada, vicedecana de Relacións Internacionais; Mercedes Mareque, que ocupará o vicedecanato de Organización Académica e Alumnado; María de la Cruz del Río, que será vicedecana de Calidade, e Diego Rodríguez-Toubes, que ocupará o videcanato de Graos e Xestión Informática. A secretaría do centro estará ocupada por Beatriz González. “Os vindeiros tres anos queremos facer unha xestión para todos, escoitar a todos e evitar os conflitos na medida do posible. Queremos seguir ofrecendo un ensino de calidade e excelencia ao alumnado e contribuír ao desenvolvemento profesional ilusionante de cantos traballamos nesta facultade”, destacou Elena Rivo durante a presentación da súa candidatura.

Obxectivos para tres anos

Entre os obxectivos para o seu mandato, a docente salientou a potenciación da imaxe e do prestixio do centro; o reforzo da súa presenza internacional, a actualización dos convenios marco con empresas para completar a formación do alumnado; a defensa dos intereses do centro onde sexa preciso, a mellora das titulacións e a promoción da oferta académica e investigadora da facultade. Como novidade na estrutura decanal inclúese un vicedecanato de Relacións Internacionais que pon patente o interese do novo equipo por reforzar este eido. “Máis que ampliar convenios con centros estranxeiros, que xa hai establecidos moitos, o noso obxectivo será optimizalos para atraer máis alumnado e que estes se sintan cómodos na nosa facultade”, destacou Elena Rivo, que tamén amosou a súa intención de pór en marcha un módulo en inglés.

Antes de comezar o seu mandato, Elena Rivo tamén quixo ter unhas palabras de recoñecemento a Elisa Alén e ao seu equipo. A docente quixo destacar o bo traballo e esforzo realizado polos seus membros, salientando que deixan o centro nun posto moi destacado no mapa universitario. Por último, a nova decana do centro agradeceu tamén a confianza depositada nela polos diferentes membros da comunidade universitaria que participaron este xoves nas votacións.