DUVI

Diario da Universidade de Vigo

60 expertos internacionais analizan diversas liñas de investigación no workshop 'ELLIPSIS2012'

A elipse pertence a máis eidos que ao lingüístico

O foro, organizado polo grupo de investigación LVTC, analizará esta figura dende puntos de vista com

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 09/11/2012
Buscarlle á elipse máis voltas que a lingüística. Ese é o obxectivo do workshop internacional ELLIPSIS2012: crosslinguistic, formal, semantic, discoursive and processing perspective, que durante dous días reúne no Centro Cultural Novacaixagalicia aos maiores especialistas neste tema. Organizado polo grupo de investigación Language Variation and Textual Organisation (LVTC) da Universidade de Vigo, este foro servirá de altofalante dos estudos de autores procedentes de 14 universidades europeas, 5 americanas e 3 asiáticas. “Que tan so dous dos investigadores participantes sexan españois indica o grao de internacionalidade deste evento”, recalca Javier Pérez-Guerra, profesor da área de Filoloxía Inglesa e coordinador do grupo. En total leranse unhas 40 comunicacións para preto dos 60 inscritos nunha actividade “moi especializada” e que “por primeira vez consegue reunir aos maiores expertos mundiais nesta figura de construción gramatical”.

O workshop servirá para facer unha posta en común deste fenómeno lingüístico visto desde os puntos de vista máis diversos, xa que ten consecuencias non só en todas as dimensións da linguaxe, senón tamén “na sintáctica, na semántica, no proceso congnitivo, a nivel neuronal, textual…”. Unha variedade de campos que se recolle tamén nas conferencias plenarias, nas que participará o psicólogo congnitivo da Universidade de Leiden, Gerard Kempen, xunto cos linguistas Lobke Aelbrecht (Universidade de Gante), Jason Merchant (Universidade de Chicago) e Maribel Romero (Universidade de Constanza).

Nova liña de investigación

O grupo LVTC leva anos estudando a elipse como figura de construción en oracións defectivas, é dicir, aquelas ás que lle falta algún elemento pero que non dificulta o entendemento da frase. Centrados na lingua inglesa, a investigadora do grupo Evelyn Gandón está a desenvolver unha nova liña de estudo que tamén se presentará estes días: recoller a evolución da elipse neste idioma ao longo da súa historia, dende o inglés medieval ata o contemporáneo.

Este foro de debate internacional é unha actividade máis na longa traxectoria do grupo Language Variation and Textual Organisation, centrado na descrición da variación lingüística do inglés e as súas consecuencias máis teóricas. Nos últimos 40 anos os investigadores centráronse na falta de paralelismo entre o significado e o son da lingua que provoca a elipse, xa que o lector ou o oínte vese obrigado a recorrer ao contexto para descifrar os anacos elididos para evitar repeticións. Para os expertos a elipse constitúe pois un eixo fundamental en eidos como a semántica, a sintaxe, a pragmática ou a psicolingüística.