DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa encomenda de sacar adiante a organización académica da facultade para o vindeiro curso

Elisa Alén continúa á fronte de Ciencias Empresariais e Turismo

Os dous intentos de celebrar eleccións ao decanato do centro remataron sen candidatos

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 06/02/2013
Elisa Alén, actual decana en funcións da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, permanecerá no seu posto uns meses máis. Despois de dúas convocatorias de eleccións ao decanato do centro que se pecharon pola ausencia de candidatos, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, vén de encomendar a Alén a continuidade no cargo para que ela e o seu equipo poidan sacar adiante a organización académica do centro para o vindeiro curso. Esta decisión prodúcese ante a consideración de que o máis razoable é que esta tarefa a rematen as persoas que a están realizando actualmente.

O equipo decanal en funcións será o mesmo que exerceu durante os últimos meses a dirección do centro e que estivo formado por Elisa Alén, decana da facultade; Elena Gallego, vicedecana de Calidade e Alumnado; Patricio Sánchez, vicedecano de Implantación de Novos Graos; Manuel Alfredo Mosquera, vicedecano de Ordenación Académica e Xestión Informática, e Ana Pérez, secretaria. Estes profesionais, coa excepción de Manuel Alfredo Mosquera, que substituíu a Ana Gueimonde na última etapa, foron os que xestionaron o centro desde que foron elixidos en xullo do ano 2009.

Os principais obxectivos para este equipo os vindeiros meses, explica Elisa Alén, serán rematar a programación académica da facultade para o curso 2013/2014 e a posta en marcha dun programa de simultaneidade entre os graos de Administración e Dirección de Empresas e de Enxeñaría Informática.