DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será os días 24, 26 e 31 de xaneiro, ás 19.30 h, no Liceo de Ourense

Elisa Vázquez de Gey, Pedro Feijoo e Manuel Núñez Singala protagonizan unha nova edición dos Encontros Literarios

Os relatores falarán das súas traxectorias e do proceso creativo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
DUVI 17/01/2017

Os días 24, 26 e 31 de xaneiro o salón nobre do Liceo de Ourense acollerá a celebración dunha nova edición, a XXVI, dos Encontros Literarios. Baixo o título A obra e a creación literaria, a cita contará coas conferencias dos escritores e escritoras Elisa Vázquez de Gey, Pedro Feijoo e Manuel Núñez Singala. Durante as súas intervencións, os relatores falarán do máis destacado das súas traxectorias no mundo da escrita, das súas obras e do proceso de creación literaria. Abertos a todas as persoas interesadas, os XXVI Encontros Literarios están organizados pola Sección de Literatura do Liceo e a Vicerreitoría co Campus de Ourense, coa colaboración da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e a Fundación Carlos Casares.

A princesa de Kapurthala

Os Encontros Literarios 2017 arrancarán o martes 24 de xaneiro cunha intervención de Elisa Vázquez de Gey. Na súa traxectoria destaca a obra relacionada con Ana Delgado Briones, bailarina e princesa de Kapurthala, que atrae a atención da escritora a partir dun encontro coa sobriña deste personaxe. Sobre el ten publicado Anita Delgado, Maharaní de Kapurthala, a única biografía autorizada, con traducións ao inglés e ao alemán; a novela histórica El sueño de la Maharaní e a biografía La princesa de Kapurthala. Escribe o guión para unha película e ocúpase da tradución dos diarios e do libro de viaxes da aristócrata. A súa última obra é Una casa en Amargura, ambientada na Cuba colonial do século XIX.

Da música á literatura

A segunda das conferencias será o xoves 26 de xaneiro, a cargo de Pedro Feijoo Barreiro. Froito da súa participación como compositor, intérprete e produtor durante anos en diferentes proxectos musicais, como os grupos Los Feliz e Lamatumbá, este autor comezou no mundo da escrita co seu libro Viva o Fu Remol!. Neste últimos anos Pedro Feijoo revélase como un prolífico e recoñecido novelista, publicando Os fillos do mar, que relata a procura do tesouro afundido de Rande por parte dos nazis, e Memoria da choiva. No ano 2015, ve a luz a súa última creación narrativa, Morena, perigosa e romántica, homenaxe ao escritor florentino Dante Alighieri, que retrata desde a parodia e outros recursos humorísticos a crise socioeconómica actual.

Humor e lingua

O ciclo de conferencias pecharase o martes 31 de xaneiro coa intervención de Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. Entre as súas obras no eido da narrativa están Mar de fondo, Menú de enganos, Instrucións para tomar café e Camiños na auga, que recrea a dramática situación que están a vivir os refuxiados de África. Fronte ao pesimismo existencial, un ingrediente fundamental nas súas creacións é o humor. No ano 2009 publicou o ensaio En galego, por que non?, que reúne reflexións sobre a realidade sociolingüística e as actitudes dos falantes.