DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores no Edificio Miralles

A elite do deporte galego reúnese para presentar a I Carrera Popular Benéfica Óscar Pereiro – Divina Pastora

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 03/12/2008
Julia Vaquero, Borja Oubiña, Chano Rodríguez, Iván Raña, Alejandro Gómez, Milorad Ratkovic ou Vlado Gudelj son algún dos deportistas que acompañaron este mércores a Óscar Pereiro na presentación no Edificio Miralles da I Carreira Popular Benéfica Óscar Pereiro – Divina Pastora, que se celebrará en Mos o vindeiro 13 de decembro.
A elite do deporte galego reunirase co obxectivo de axudar á Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos, Asodifisi, a quen irán destinados todos os fondos que se recaden na carreira. “É unha proba dirixida a todos os públicos na que poden participar desde os máis cativos aos máis veteranos”, explicaba Pereiro, que animou a participar a “todas aquelas persoas que queiran colaborar cunha causa solidaria”.

Características da proba

A proba terá dous circuítos, un ten unha distancia de 3,5 quilómetros por asfalto e sen subidas pronunciadas, e outro de 900 metros, pensado sobre todo para os máis pequenos. “É un recorrido moi sinxelo e, ademais, haberá premios para todos”, salientou Pereiro. Entre outros, sortearanse un Maillot Amarelo do Tour de Francia dedicado persoalmente ao gañador do sorteo ou unha camiseta do RC Celta de Vigo asinada por todos os integrantes do equipo.
No encontro participarán glorias do atletismo galego coma Julia Vaquero, que recoñeceu publicamente que padece trastorno bipolar, ou Alejandro Gómez, así como profesionais en activo, entre eles Pedro Nimo, favorito indiscutible da proba, e Marta Fernández, unha das novas promesas deste deporte en Galicia.
A cota de inscrición para participar na carreira é de tres euros, dous para Asodifisi e o resto en concepto de aluguer de chip e confirmación da asistencia da carreira.
A cita será nos arredores do Pavillón Óscar Pereiro de Mos ás 16.30 horas do sábado 13 de decembro.