DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Deseño de políticas fiscais e monetarias centrarán parte das intervencións

A elite internacional da macroeconomía reunirase a vindeira semana en Soutomaior

O encontro consolídase como unha das máis significativas reunións neste campo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 02/07/2009

Coma cada verán o Castelo de Soutomaior acollerá a vindeira semana unha nova edición do Workshop sobre Macroeconomía Dinámica unha das máis significativas reunións para investigadores en análise macroenómico e que este ano alcanza a súa décimocuarta edición.
Organizado polo grupo de investigación RGEA, Research Group in Economic Analysis, e caracterizado desde o primeiro intre por un elevado grado de internalización, o foro contará con participantes de varias universidades de España, Canadá, Estados Unidos, Italia, Francia e Bélxica. En total serán arredor de 40 participantes entre profesores e estudantes de doutoramento.
Segundo explicou o responsable do seminario, o profesor Jaime Alonso Carrera, “tanto o programa coma os participantes confirman o elevado grao de consolidación e internacionalización deste workshop”, ao que engadiu que “este encontro está sendo empregado polos mellores programas de doutoramento en economía para enviar aos seus estudantes a presentar as súas investigacións para ser avaliadas por profesores de recoñecido prestixio”.
Ciclos económicos, crecemento económico ou deseño de políticas fiscais e monetarias óptimas, son algún dos temas que se abordarán nos 17 artigos de investigación que se presentarán no encontro desde o 8 ao 10 de xullo. “Foron seleccionados entre máis de 50 artigos que se presentaron á convocatoria e neles trataranse temas punteiros a nivel internacional”, destacou alonso.
Estes traballos presentaranse en sesións únicas ante recoñecidos investigadores. Ademais, cada día os asistentes terán a oportunidade de recibir leccións maxistrais dos investigadores seniors convidados, que presentarán os avances máis recentes na fronteira do coñecemento na análise macroeconómica.

Dous premios Nobel de economía

A organización deste evento supón para RGEA, o grupo encargado da organización da actividade, unha excelente vía para consolidar tanto o grupo como o programa de doutoramento na área de análise económica. “De feito permitiu xa aos nosos estudantes completar e enriquecer a súa formación con estancias en centros internacionais de investigación e a supervisión académica dos membros destes centros”, subliñou o profesor.
Durante estes anos o workshop contou coa presenza de prestixiosos economistas internacionais, incluíndo dous premios Nobel de economía (Finn Kydland, da Carnegie Mellon University, e Edward Prescott, de Minnesota). Así mesmo, compre destacar que o comité científico está dirixido polo profesor Timothy Kehoe, catedrático de Economía da Universidade de Minnesota, asesor do Fondo Monetario Internacional e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.