DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bota a andar o XIX Congreso Español desta disciplina, celebrado por primeira vez en Vigo

A elite da toxicoloxía española responde en Vigo ás demandas en materia de saúde

Ademais da vertente investigadora, o simposio afonda no tratamento académico da disciplina no posgra

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 26/07/2011

Loitar pola prevención sempre dende a honestidade e a ética é a premisa marcada na inauguración do XIX Congreso Español de Toxicoloxía, que se celebra por primeira vez en Vigo ata o próximo 28 de xullo. Organizado pola Asociación Española de Toxicoloxía, AETOX, en colaboración coa Universidade de Vigo, o simposio congrega arredor de 200 expertos nacionais e internacionais os principais avances e experiencias neste eido da investigación, demostrando a súa formación e preparación “para dar resposta ás necesidades da sociedade en relación coa saúde humana, animal e ambiental”, explicou Guillermina Font, presidenta de AETOX. A profesora Anunciación Lafuente, presidenta do Comité Organizador, destacou o aval e a calidade científica das intervencións, “con conferencias, ponencias e comunicacións que achegan as máis recentes novidades científicas en toxicoloxía”. Ao longo dos tres días que dura este congreso, a cidade olívica será punto de encontro para médicos forenses, docentes, especialistas en toxicoloxía clínica, laboral, veterinaria e en nanotoxicoloxía.

No acto de inauguración a vicerreitora de investigación, Asunción Longo, ademais de subliñar a contribución á investigación deste tipo de actividades, “que axudan á difusión e ao avance do coñecemento en todas as disciplinas”, destacou a vertente académica do congreso, creando un foro de debate arredor dos estudos de posgrao especializados en toxicoloxía. “Trátase dunha oportunidade de encontro para fomentar a interacción entre os grupos de investigación co obxecto de desenvolver proxectos conxuntos”, comentou a vicerreitora.

A profesora Lafuente quixo destacar no acto de inauguración os propósitos do congreso, por unha banda, “un avance na ciencia toxicolóxica grazas ás achegas dos principais toxicólogos do noso país”, e por outra a creación dunha contorna favorable que favoreza “a convivencia e a intercomunicación entre os distintos contextos co obxectivo de fomentar a cooperación profesional unindo esforzos”. Así mesmo, a presidenta de AETOX aproveitou a súa intervención para lembrar o papel que xoga a ciencia na sociedade, “fundamental para a nosa prosperidade, seguridade, saúde e calidade de vida”, salientando ademais a necesidade “de manterse continuamente actualizando os coñecementos a base de tempo, traballo e apoio entre profesionais”.

Contribución á saúde pública

Ademais da vertente científica e académica do congreso, o director xeral de Innovación, Xestión e Saúde da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, Manuel Varela, falou da relevancia da toxicoloxía “como un dos principais puntos de interese para a saúde pública”. Temas como o control da seguridade alimentaria, ambiental e laboral “tocan os aspectos máis candentes e actuais do ámbito da saúde pública”.

O programa do congreso inclúe tres conferencias xerais, seis mesas redondas, 22 ponencias e 193 comunicacións, inseridas nun grande abano de áreas temáticas como a toxicoloxía clínica, farmacéutica, forense, laboral, medioambiental e veterinaria ou a nanotoxicoloxía, ademais dun simposio sobre Toxicoloxía Laboral e un obradoiro sobre docencia de posgrao en toxicoloxía, con expertos procedentes de España, Portugal, Francia, México, Argentina, Venezuela ou Chile. A conferencia inaugural correu a cargo de Jean Pierre Cravedi, membro destacado da Autoridade Europea en Seguridade Alimentaria, quen afondou na influencia dos contaminantes na cadea alimentaria, centrándose nas consecuencias toxicolóxicas dos disruptores endócrinos.