DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Raúl Soutelo analiza na súa tese a emigración, o cambio social e a politización rural entre 1880 e 1

Unha emigración que soñaba mudar Galicia coas súas remesas

O investigador ofrece unha visión deste fenómeno empregando fontes oficiais pero tamén lembranzas fa

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 11/04/2012

“A longo prazo a emigración a América tivo efectos negativos sobre a economía e cortou a demografía de Galicia. Sen embargo, as remesas materiais e inmateriais dos emigrantes e o concurso persoal dos retornados contribuíron decisivamente ao desenvolvemento dalgúns sectores e actividades económicas, á mellora da situación escolar e á rexeneración das dinámicas políticas locais ata 1936”. Deste xeito resume o investigador Raúl Soutelo a súa visión do fenómeno migratorio galego despois de afondar nel na súa tese de doutoramento Emigración, cambio social e politización na Galicia rural entre 1880 e 1960, recentemente presentada na Facultade de Historia do campus de Ourense. A través de fontes oficiais pero tamén da análise de epistolarios e memoria oral de varias familias, o historiador reivindica o papel da emigración como estratexia reprodutiva básica para as familias galegas e o protagonismo dos retornados na reactivación sociopolítica dos concellos, fundamentalmente do asociacionismo agrario e a educación.

Na tese, dirixida polos catedráticos de Historia Contemporánea Jesús de Juana e Xosé Manoel Núñez Seixas, Soutelo emprega fontes municipais, como censos e padróns de habitantes, expedientes de recrutamento de soldados, matrículas de contribución rústica e industrial, e fontes privadas, como contabilidades comerciais e de axencias bancarias, epistolarios familiares e memoria oral. Unha documentación empregada para coñecer mellor as caracteristicas dos fluxos migratorios a microescala municipal en San Sadurniño (A Coruña), Caldas de Reis e Valga (Pontevedra) e Coles (Ourense), a evolución dos mesmos e as súas consecuencias económicas, sociais e políticas na sociedade local e nas familias con emigrantes. “O azar determinou a posibilidade de consultar arquivos familiares que forneceron unha imaxe máis humana pero, sobre todo, diacrónica, para complementar aos datos extraídos das fontes municipais”, explica o investigador.

Deste xeito e a través das vivencias de familias como os Couselo, os Carbia, os Ferro, os Diéguez, os Buceta e os Naveiras, Raúl Soutelo debulla como “a emigración se converteu nunha estratexia reprodutiva básica para as familias galegas de diverso estatus socioeconómico". Con relativa autonomía respecto das dinámicas macroeconómicas ou políticas, “as redes migratorias familiares e locais modularon os factores de atracción dos mercados americanos, condicionando o ritmo e o volume dos fluxos e tamén os destinos. Fornecían a información para realizar a viaxe, para atopar oportunidades de traballo e axuda directa no lugar de chegada”. Na análise destas redes, Soutelo chama a atención sobre o feito de que “o fogar petrucial funcionou como unha sorte de cuartel xeral onde os emigrados mantiveron o proxecto de envío de remesas e de retorno para xestionar o patrimonio herdado”.

Agrarismo e escolas

Unha vez emigrados, “as remesas materiais e inmateriais dos emigrantes e a acción política dos retornados introduciron poderosos elementos de cambio na escala familiar pero tamén local”, apunta o autor. Neste senso, o investigador destaca como “os americanos activaron a economía e as dinámicas políticas locais, xa fose integrándose nas vellas elites ou nos grupos e asociacións que competisen con elas”. Como exemplo, cita os irmáns Naveiras en San Sadurniño, Constante Couselo e outros retornados de Arxentina en Cordeiro (Valga) e a Ramón Varela en Coles. Tal e como destaca o autor non todos os retornados foron líderes agrarios nin concelleiros republicanos mais a esculca realizada en San Sadurniño, Coles e Valga, entre outros, demostran que boa parte dos primeiros forxáronse na emigración americana. “Quizais por iso, aínda hoxe, a verba América ten un arrecendo de progreso económico e liberdade que é, precisamente, o que procuraron os fillos e netos de emigrantes que retornaron nas últimas décadas a esta terra dos seus devanceiros”, explica o investigador.

Precisamente en vinculación coa acción sociopolítica, o desenvolvemento educativo foi outra das grandes consecuencias do fenómeno migratorio. “O proceso de creación de escolas sostidas polas sociedades de agrarios e emigrantes supuxo en si mesmo unha experiencia de compromiso activo para cambiar a sociedade na que vivían. A aritmética básica e a competencia lectoescritora eran, naquela altura, o equivalente á I+D+I ou ás competencias TIC e multilingües que arelamos para a educación de calidade dos nosos días. As escolas xestionadas polo asociacionismo agrario e emigrado cumpliron esa función de formar cidadáns comprometidos e obreiros máis cualificados”, recalca Soutelo.

Visibilizar o papel da muller

Na súa investigación, o historiador tamén fai unha mención destacada ao papel das mulleres nesa emigración, salientando que a memoria oral e a documentación epistolar compensaron a invisibilidade de moitas actividades femininas nas fontes oficiais, demostrando que as nais, donas e irmás mantiveron a relación forte entre a familia e os seus membros ausentes. “Elas subordinaron ou adiaron os seus proxectos individuais en prol dos obxectivos reprodutivos do grupo e activaron as redes relacionais para facilitar a inserción laboral da seguinte xeración de emigrantes ou a reinserción dos que cumpriran o seu proxecto migratorio e retornaban á sociedade de orixe”, explica.