DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O avogado e economista participou na apertura do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sustentable

Emiliano López Atxurra defende en Vigo a necesidade de “equilibrar a cesta da enerxía”

O reitor destaca do mestrado “a súa internacionalización e capacidade para captar talento"

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 06/10/2011
“Non podemos pasar do branco ao negro como se non se precisase transición. Todas as enerxías son factibles, o que hai que facer é equilibrar a cesta da enerxía”. Así de contundente se manifestou hoxe o avogado e economista Emiliano López Atxurra na inauguración do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sustentable, unha cita na que estivo acompañado polo reitor, Salustiano Mato e o coordinador do posgrao, Xavier Labandeira. Nun relatorio titulado Enerxía e sociedade competitiva e sustentable, López Atxurra, conselleiro independente de firmas como Gas Natural Fenosa ou Petronor, subliñou que estamos nun proceso no que as diferentes fontes de enerxía cumpren un papel e o que ten que haber é un equilibrio que garanta a seguridade no abastecemento enerxético e, á súa vez, esta seguridade ten que ter un compoñente de prezo competitivo e outro de equilibrio “que conduza a unha situación no que a sustentabilidade sexa un elemento central”.

Ante os novos alumnos do mestrado, que este ano superou a oferta de prazas, e un destacado número de membros da comunidade universitaria, López Atxurra fixo un pormenorizado debuxo de onde nos situamos: un escenario de competitividade extrema motivado pola globalización, o que trouxo consigo un entorno no que as necesidades vitais da sociedade se democratizaron e, en consecuencia, “hai unha demanda de enerxía en todo o planeta que fai que a sustentabilidade enerxética vaia indisociablemente unida á sustentabilidade do desenvolvemento humano”.

O desafío de acadar unha política enerxética común

Neste escenario todo conduce a ter que contemplar o desenvolvemento enerxético desde diferentes variables, unha delas o contexto xeoenerxético e xeopolítico mundial, en referencia a que “en 1989 non só se produciu a caída dun muro, senón que nesta data se produce un feito trascendental que agora estamos vendo e sufrindo “ apuntou, en referencia, ao lanzamento á modernización económica de China. Segundo expuxo, a irrupción da poboación china na procura dos estándares de calidade de vida con referencias occidentais derivou nunha gran demanda e, polo tanto,” nun gran consumo enerxético, o que fai que a xeografía económica de Europa e a súa posición internacional se reduza a límites extremos”.

A súa vez, o economista explicou que isto tamén nos levou a que Europa non se pode permitir ter un consumo enerxético exuberante, senón que precisa apostar por un consumo enerxético centrado en tres eixes: o da eficiencia enerxética, ligada á máxima eficacia e eficiencia do consumo; o da a aposta pola tecnoloxía e a industria, que é a única base que permite dotar de madurez as enerxías sustentables e, en terceiro lugar, o desafío de ter unha política enerxética común, “tanto para relacionarse cos seus veciños como para ter unha capacidade de abastecemento sostible e razoable”.

“Excelencia, internacionalización e capacidade para captar talento”

Na súa visita ao campus, o prestixioso economista subliñou a boa combinación que se está a facer na Universidade de Vigo entre a excelencia académica, a aposta pola innovación e, “a partires de aí”, a relación co tecido industrial. Campus do Mar e o traballo que se está levando a cabo dende grupos de investigación como Rede servíronlle para exemplificar este bo camiño. “A universidade cumpre e debe de cumprir un papel de interactuación directa co sector industrial e coa economía produtiva porque de aí nace toda a capacidade creativa e de innovación, unha capacidade que quedaría na nada se non está ligado ás necesidades reais”, subliñou.

En relación a isto, Salustiano Mato salientou o feito de que dende a Universidade se puxo como obxectivo que os mestrados sexan “de excelencia e de calidade pero tamén pegados ás necesidades do mundo socioeconómico e este máster é un exemplo disto”, subliñou o reitor, quen apuntou que este mestrado ten colaboración con multitude de empresas, algo que segundo a súa visión se debe “ á súa excelencia, internacionalización e capacidade para captar talento”.

Neste sentido, o coordinador do posgrao, Xavier Labandeira, insistiu en que un dos obxectivos prioritarios “é o feito de que sexa realmente profesionalizante, é dicir, acadar que os nosos egresados se introduzan o máis rápido posible e nas mellores condicións no mercado laboral”, un aspecto para o que resultan fundamentais toda a carteira de empresas colaboradoras coas que xa conta o mestrado.