DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Emilio Atrio e Guillermo Brea serán nomeados “Amigo Distinguido” polo seu apoio e colaboración coa Universidade

O relatorio “Sociedade, Universidade e Empresa” e a presentación do libro “Vigo y las Ciencias del M

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Lucía Costas DUVI 13/11/2008
Como se ven facendo cada ano dende 1999, a Asociación de Amigos e Antigos Alumnos da Universidade levará a cabo o nomeamento e a entrega de diplomas de recoñecemento de “Amigo Distinguido”, este venres a partir das 20.00 horas no Centro Social Caixanova de Vigo.
Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade e Guillermo Brea, subdirector xeral de Caixanova e director da súa Obra Social, serán os galardoados polos anos 2007 e 2006 respectivamente, no acto que presidirá o reitor Alberto Gago. Este recoñecemento creouse para distinguir a persoas que deron o seu apoio á Universidade e ou á Asociación, potenciando o seu desenvolvemento e a calidade da mesma.
Emilio Atrio e Guillermo Brea, ao igual que todos aqueles aos que se lle concedeu esta medalla en pasadas edicións, “son considerados personaxes distinguidos na sociedade galega, sendo elixidos pola súa contribución e cooperación continua coa Universidade así como coa propia Asociación dende a entidade que representan”, explica José María Franco presidente da Asociación. A labor destas persoas traduciuse na consecución de importantes actividades levadas a cabo a prol da Universidade, así como o seu apoio no XI Encontro de Asociacións de Antigos Alumnos das Universidades Españolas, celebrado o pasado ano na cidade olívica e no que participaron representantes de 26 universidades españolas e catro estranxeiras. Unha colaboración non só económica senón tamén social e benéfica, sendo así por exemplo o caso de Guillermo Brea no feito de “prestar o seu Centro Social para a celebración de múltiples eventos”, engade o presidente.

Debate e presentación dun libro

Juan José Sanz, Catedrático Emérito da Universidade Politécnica de Madrid, ofrecerá un relatorio baixo o título Sociedade, Universidade e Empresa, co obxectivo de “estimular a recadación de fondos, creando sentido e conciencia dun financiamento da universidade por parte de empresas privadas e da sociedade en xeral”, explica Jose María Franco.
A continuación, para pechar o acto, presentarase o libro Vigo y las Ciencias del Mar, coordinado polo propio Franco e José Luis Vázquez, vicepresidente da Asociación. A obra nace como produto dese XI Encontro de Asociacións de Antigos Alumnos das Universidades Españolas, na que se recolle un resumo dos relatorios alí expostos.