DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na apertura da programación da Intercultural

Emilio Cao presentou, acompañado da súa arpa, o espectáculo "Co mar no meu peto"

A Igrexa de Santa María Nai foi o singular escenario do concerto

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 05/03/2009

A Intercultural deu comezo ás actividades deste segundo cuadrimestre saíndo do campus e abrindo as súas portas á participación de toda a cidadanía, xa que o primeiro concerto da programación tivo lugar este mércores no casco antigo da cidade, nun escenario místico e íntimo como é a Igrexa de Santa María Nai. Emilio Cao foi o encargado de agarimar coa súa música os oídos dos numerosos asistentes que se amosaron totalmente entregados no concerto.
No presbiterio da Igrexa, só coa súa arpa e a súa voz e nun ambiente intimista de luz tenue, Cao presentou o seu espectáculo Co mar no meu peto, unha suite ininterrompida na que o autor fixo un percorrido por algunhas das súas composicións máis significativas, tendo ao mar como referente e nexo. Durante aproximadamente 50 minutos o público trasladouse a un mundo de soños e fantasía, gozando dun tempo de relaxo baixo as notas musicais que habilmente esgrimiu Cao coa súa arpa. O bo ambiente e complicidade que se creou entre público e artista fixo que este alongase o concerto máis do previsto ofrecendo dúas pezas de agasallo.
Para Cao esta foi unha noite especial na que se sentiu moi feliz, “estou encantado de tocar nun espazo tan singular que te fai entrar nunha onda distinta e que a xente captou”. O artista sentiuse moi cómodo no seu primeiro concerto en Ourense, aínda que “resultoume un pouco estraño, xa que teño tocado en moitos lugares por España adiante e sen embargo nunca o fixera aquí, sentín que recuperaba un pouco o tempo”.

Eloxios do asistentes

Entre o público atopábanse persoas coñecidas como as concelleiras Marta Arribas, de Igualdade e Isabel Pérez, de Cultura . Esta última amosouse moi satisfeita tras o concerto, “unha actuación extraordinaria onde Cao fixo un repaso pola súa ampla traxectoria”. A concelleira destacou ademais que “Ourense por fin puido escoitar en directo a este artista nunha noite máxica que nos trasladou aos seus comezos”.
Tampouco se perderon o concerto Lois Pardo, de Abana Eventos e os responsables dos Servizos de Deportes e Actividades Culturais do campus, Rodrigo Alberte e Filemón Rivas quen incidiu que na programación da Intercultural deste segundo cuadrimestre “tentamos encher os ocos naquelas áreas que non tocamos na primeira parte e dado que a parte escénica estará ocupada pola MITEU, dedicámonos máis ao plano musical tocando todos os estilos posibles”. Ademais destacou o desexo do campus de abrirse ao resto da cidade, “sempre facemos algunha cousa para achegarnos á cidadanía e que cada vez teñan máis presente o campus universitario”

O artista

Os primeiros pasos de Emilio Cao no mundo da música están unidos, sendo aínda un mozo, ao pop, participando en diversas formacións como Brétema ou NHU. En palabras do propio artista “a pesar que toco frecuentemente coa miña arpa, son un rockeiro enmascarado”. Co paso do tempo Cao formou parte como músico acompañante do grupo de cantautores Voces ceibes. A mediados dos anos 70 deixa Galicia e visita e vive en numerosos países europeos, sendo músico no metro de París, frega-pratos en restaurantes de Barcelona ou xardineiro en Copenhague. Nun dos seus regresos a Galicia atopou un arpa nunha tenda de instrumentos de segunda man e de xeito autodidacta comezou a compoñer con ela, converténdose no primeiro artista en recuperar este instrumento dentro da música folk do seu país.

Próxima cita coa música

Woyza, artista do hip-hop e do soul, será a seguinte convidada da Intercultural que se subirá ao escenario do salón multiusos do Edificio de Ferro o próximo mércores 11 de marzo ás 20.30 horas para presentar o seu primeiro disco Pisando el suelo que ves. Producido por El puto Coke, neste traballo a artista amosa a capacidade do seu rexistro e a harmonía de voces e estruturas diferentes. O álbum pode descargarse gratuitamente da súa páxina web.