DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora saíu elixida con 15 votos nunhas axustadas eleccións ás que tamén se presentou Anna Amor

Emma Torres colle o temón do primeiro departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade de Galicia

A organización interna e a estabilidade do persoal docente e investigador, principais retos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 21/12/2011

O departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo, de recente creación e único en Galicia específico da materia, vén de escoller a súa primeira directora electa, a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres. Nunhas eleccións axustadas, impúxose con 15 votos a favor fronte aos 12 conseguidos pola docente Anna Amorós, ata agora directora comisaria deste departamento nomeada polo reitor, Salustiano Mato. Así, Emma Torres ponse ao fronte dun departamento “que é referente no campo da comunicación, coa responsabilidade de facelo o mellor posible para continuar sendo punteiros”, explica a directora.

Próximos retos

Este novo departamento da Universidade de Vigo constituíuse no mes de xullo ao segregarse do departamento de Dereito Público Especial como consecuencia do aumento do número de profesores especializados en Publicidade e Comunicación Audiovisual. Emma Torres, con experiencia en labores de xestión ao ter participado de forma directa no proceso de adaptación ao EEES das titulacións da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, forma equipo co profesor Paulino Pérez como secretario do departamento. Conscientes da situación difícil que está a atravesar a economía, unha das súas prioridades é garantir a estabilidade do PDI, “asegurándonos de que a calidade da docencia estea á altura do que se nos vai demandar”, apunta Torres. Outro dos obxectivos é a organización interna do departamento. “Temos experiencia como área de coñecemento, pero non como ente constituído e independente, polo que existe a necesidade de organizar todo e afondar no labor propio de xestión”, engade.

Que a institución viguesa conte cun departamento específico en esta área de coñecemento fai posible unha equiparación administrativa coas principais universidades españolas que imparten estudos en ciencias da comunicación. Igualmente, a nova directora tamén salienta que o feito de que sexa o primeiro de Galicia “garante unha maior visibilidade da Universidade e un aumento da demanda das titulacións de Publicidade e Relacións Públicas, exclusiva case no Norte de España, e de Comunicación Audiovisual”. Grazas á constitución do novo departamento, estes dous títulos de grao tamén se beneficiarán pois gañan en especialización e autonomía, ademais de acadar un maior recoñecemento universitario.

Departamento en mans femininas

Para Emma Torres o feito de que se presentaran dúas candidaturas femininas xa ten unha lectura moi positiva, pois “independentemente dos resultados, a primeira directora deste departamento ía ser muller”, apunta. Por outra banda, a existencia das dúas candidaturas “tamén resulta moi beneficioso”, rompendo a tendencia do sucedido en este centro nos últimos anos.

Nestes momentos o departamento conta cun total de 33 profesores adscritos, cunha ampla presenza de doutores contratados e de profesores asociados, dado as características das titulacións impartidas, sendo profesionais vinculados ao sector publicitario e audiovisual de Galicia. Emma Torres tamén destaca a xuventude de todos os profesores membros, “cunha media de idade de 35 anos, o que supón un departamento novo con xente nova e con ganas de facer equipo”, conclúe.