DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi reelixida nunha votación na que se rexistraron 27 votos a favor, dous en contra e un en branco

Emma Torres continuará á fronte da Facultade de Comunicación

Coa renovación do Grao en Publicidade e RRPP como principal obxectivo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 01/12/2023

A profesora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade Emma Torres continuará tres anos máis á fronte do Decanato da Facultade de Comunicación, despois de que a súa candidatura, a única presentada no procedemento electoral aberto no centro, recibise 27 votos a favor, dous en contra e un en branco na votación celebrada este venres. Decana do centro desde 2020, Torres optaba á reelección á fronte dun equipo no que se manteñen os actuais vicedecanos José Pita (Mobilidade e Alumnado), Paulino Pérez (Promoción e Comunicación), Oswaldo García (Infraestruturas e Asuntos Económicos) e Vicente Badenes (Calidade e Docencia), xunto coa secretaria académica, Silvia García Mirón. Na súa intervención na Xunta de Facultade, a candidata á reelección destacou como o principal obxectivo desta etapa a renovación do plan de estudos do Grao en Publicidade e Relacións Públicas.

“Moi contenta, pero tamén consciente de que a carga de traballo é moita”, recibía Torres o apoio da Xunta de Facultade para continuar á fronte do centro. Egresada da facultade e investigadora do grupo Sepcom, Torres Romay xa vivira unha primeira etapa como decana entre xullo de 2014 e decembro de 2015 e foi novamente elixida en novembro de 2020. 

Formación adaptada á realidade do sector

Con respecto ao novo mandato, Torres sinala como principal obxectivo a aprobación dun novo plan de estudos para Publicidade e RRPP, “que pasou de ser necesaria a urxente”, xa que pese a ser un título “que segue dando moi bos resultados de matrícula”, é preciso actualizalo “conforme a realidade do sector”, con materias "que permitan unha adaptación rápida aos cambios” no eido da comunicación. Unha vez acadado, apuntou, outra das liñas de traballo sería tratar de impulsar un PCEO (Programacións Coxuntas de Ensinanzas Oficiais) en Publicidade e RRPP e Comunicación Audiovisual.

Tamén no eido formativo, a decana lembrou que será preciso acometer as adaptacións que require á LOSU e apostou por tratar de impulsar, máis aló dos dous mestrados cos que conta a facultade, novos cursos de especialista ou másteres propios, que permitan ampliar a formación de graduados e graduadas, “xa que o sector está demandando profesionais que teñan algunha especialización”. Esa idea, lembrou, foi a que motivou a posta en marcha no presente curso do Curso de Especialista en Industria Musical, que botará a andar este mes cunha vintena de matriculados e matriculadas.

Unha facultade con “identidade propia”

Na súa intervención na Xunta de Facultade, Torres subliñou que “o plan de futuro é a continuidade”, posto que “temos emprendido moitas accións e dinámicas de traballo que nos gustaría que seguiran así e cousas que queremos rematar”. Neste punto, lembrou os traballos acometidos para “a reforma dos espazos comúns” do centro, que están a contribuír “a unha mellora da vida universitaria”, liña na que prevén continuar traballando e á que se sumarán accións como a conversión, coa axuda da Vicerreitoría do campus, dunha das aulas nunha “sala de proxeccións”.

No referido ao mandato que remata, destacou como “fito máis importante” a “identidade propia”, como un centro “de referencia na formación de comunicadores en Galicia”, acadada pola facultade co seu cambio de nome tras a creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, á que se adscriben dúas titulacións que previamente formaban parte da, por aquel entón, Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A este fito contribuíron tamén, lembrou  os numerosos “premios, mencións e presenzas en festivais” acadados por estudantes e egresados nos últimos anos.