DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As eleccións celebraranse o vindeiro xoves día 10

Emma Torres encabeza a única candidatura ao decanato de Ciencias Sociais e da Comunicación

Lidera un proxecto de continuidade que buscará aumentar a visibilidade da facultade na contorna

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
D. Besadío DUVI 02/07/2014

A profesora Emma Torres, directora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, encabeza a única candidatura que se presenta ao decanato da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, cuxas eleccións se celebran o vindeiro xoves día 10. “É unha candidatura de continuidade cun equipo de profesionais que estamos dispostos a traballar arreo para mellorar o coñecemento do centro e das súas titulacións dentro da nosa contorna”, subliñou Torres, que fixo tamén fincapé en que un dos seus obxectivos prioritarios será que a facultade teña un papel importante no Campus Crea, o gran proxecto de especialización do campus pontevedrés.

Xunto a Torres completan o equipo Beatriz Legerén, como secretaria; Alberto Dafonte, como vicedecano de Calidade e Docencia; José Pita, de Alumnado e Mobilidade; Jesús Pérez, Promoción e Difusión, e Xosé Mahou de Asuntos Económicos e Infraestruturas. “É un grupo no que se combina a experiencia de xente que xa estaba no anterior equipo decanal con profesionais que poden achegar unha visión moi ampla do que está a acontecer no sector profesional da comunicación”, subliñou Torres, quen resaltou a creación do Vicedecanato de Promoción e Difusión “porque pensamos que tanto as tres titulacións de grao como os mestrados teñen moitísimas potencialidades e hai que dalas a coñecer”, recalcou a candidata, que explicou que ata agora houbo unha etapa de consolidación dos títulos e, unha vez consolidados, se centrarán en proxectalos.

A candidatura de Torres xa mantivo reunións cos diferentes colectivos do centro e antes de que remate esta semana enviarán a todos os membros da facultade un documento coa súa proposta de traballo para os vindeiros anos. A proclamación definitiva da candidatura será o vindeiro luns, tres días antes de que se celebren as votacións en Xunta de Facultade, onde emitirán o seu voto 77 representantes dos docentes, alumnado e persoal de administración e servizos do centro.

Torres pode converterse na primeira decana da facultade

De acadar o apoio necesario na Xunta de Facultade, Emma Torres relevará no cargo ao profesor Celso Cancela, decano en funcións desde hai pouco máis de dous meses, cando substituíu a Juan Manuel Corbacho, que deixou o decanato para pórse ao fronte da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra.

Esta é a primeira vez que unha muller opta ao decanato da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, un feito que Torres valora como “especialmente positivo, pois trátase dun centro no que a representación feminina é moi alta e, pola contra, ata o de agora, houbo moi poucas mulleres en cargos de xestión”, subliñou Torres, quen si conta cunha ampla traxectoria no mundo da xestión, tanto como directora de departamento, como en equipos decanais, onde lle tocou enfrontarse a todo o proceso de adaptación dos títulos a Boloña.