DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pendente da súa proclamación definitiva, previa á votación que terá lugar o vindeiro mércores

Emma Torres encabeza a única candidatura ao Decanato de Ciencias Sociais e da Comunicación

A docente xa fora decana da facultade en 2014 e 2015

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 29/10/2020

Pendente da súa proclamación definitiva o vindeiro martes, a profesora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade Emma Torres encabeza a única candidatura ao Decanato da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Trala renuncia de Xosé Baamonde, que se atopaba á fronte da dirección do centro desde decembro de 2015, a facultade abría un proceso electoral dentro do que este xoves se procedía á proclamación provisional da única candidatura presentada, que se someterá a votación da Xunta de Facultade o vindeiro mércores. 

Torres, que xa fóra decana da facultade entre xullo de 2014 e decembro de 2015, sinala que o feito de que “a facultade necesita unha estabilidade no equipo de goberno”, sumado a “non poder ter feito máis no seu momento, porque estiven moi pouco tempo”, como as dúas circunstancias que a animaron “a dar un paso adiante e presentarme”. Faino, á fronte dun equipo do que forman parte os actuais vicedecanos José Pita, Paulino Pérez e Tino Cordal como responsables de Erasmus e Alumnado, Promoción e Comunicación e Infraestruturas e Asuntos Económicos, respectivamente. Completan a candidatura as profesoras Silvia García Mirón, como vicedecana de Calidade e Docencia, e Soraya Rodríguez, como secretaria académica.

En xullo de 2014, Emma Torres, profesora titular de estratexia publicitaria converteuse, tras recibir 40 votos a favor, 13 en contra e tres en branco, na primeira decana na historia da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Non obstante, as dificultades para compaxinar o cargo coas responsabilidades que por aquel entón ostentaba como tenente de alcalde no Concello de O Grove levárona, a finais de 2015, a presentar a súa renuncia. Torres fora relevada por Baamonde, quen permanecía á fronte do centro desde entón e que hai unhas semanas presentaba a súa renuncia a completar o seu segundo mandato por razóns persoais.

Retos inmediatos máis aló da covid-19

“Darlle continuidade ao traballo anterior, que, ben é certo tamén, viuse totalmente alterado pola covid-19” constitúe un dos obxectivos cos que presenta a súa candidatura Emma Torres, que pon de relevo o “esforzo realizado” polo actual equipo. Mais, pese a que a situación sanitaria obriga “a manter unha liña de traballo específica sobre a covid-19”, entre os seus obxectivos está tamén “intentar retomar a normalidade dentro do posible, tendo en conta a realidade que nos tocaría asumir e que nos vai condicionar moito no día a día”, tentando nese senso combinar os traballos aos que obriga a covid-19 con “outra serie de asuntos que están enriba da mesa”.

Neste punto, Torres alude ao procedemento en marcha para a creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, “que apoiamos totalmente e que vai ser un proceso longo”, contando a candidatura con dous docentes, Cordal e Rodríguez, do grao en Dirección e Xestión Pública. A candidata, que foi tamén a primeira directora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, alude así mesmo á renovación da acreditación a que neste curso debe someterse o grao en Publicidade e Relacións Públicas, unha titulación que “está a funcionar moi ben”, pero que precisa tamén, sinala, dunha “actualización dos contidos” do seu plan de estudos. Do mesmo xeito, Torres sinala que, no caso de resultar elixida, outra das cuestións a abordar nun futuro próximo será a renovación dos equipamentos do grao en Comunicación Audiovisual.