DUVI

Diario da Universidade de Vigo

17 novos universitarios maiores de 55 anos recibiron as súas bandas

Emoción e humor na graduación da sexta promoción do Programa para Maiores do campus de Ourense

Nun acto marcado pola posta en valor do intercambio interxeracional do coñecemento

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 24/11/2010

Volver á universidade décadas despois de tela abandonado ou ben pisar as súas aulas por primeira vez non só reporta satisfacción persoal senón tamén un recoñecemento ao traballo e esforzo realizado para volver a ser estudantes. Esta acreditación oficial foi a que recibiron os 17 novos graduados do Programa para Maiores do campus de Ourense que este martes recibiron a felicitación da comunidade universitaria nun agarimoso acto cargado de emoción e sentimento pero sobre todo de humor. A Universidade cumpre así o seu obxectivo transmisión do coñecemento a un colectivo de maiores de 55 anos que, durante os tres últimos anos lle dedicaron dúas tardes á semana a acudir ás aulas do campus de Ourense a aprender, a relacionarse e a vivir unha experiencia enriquecedora para eles no persoal e no intelectual.

Para Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria, este grupo constitúe “un exemplo e orgullo para a nosa Universidade por entrar na madurez con tanta ansia de aprender”. Algo no que concorda a vicerreitora do campus de Ourense, María Lameiras, quen durante o acto de graduación apuntou que estes estudantes ofrecen “unha gran lección de vida, amosando que sempre hai lugar e momento para seguir aprendendo” e cualificou a este grupo como o “buque insignia” desta Universidade.

O acto, moi emotivo para os participantes e os seus familiares, estivo marcado polos sorrisos da man do humorista gráfico Xosé Lois Vázquez, O Carrabouxo, padriño de promoción. Comezou o seu discurso aceptando esta distinción coa promesa de que ao converterse no seu padriño os apadriñados non lle ían pedir cartos, por aquilo de que “os tempos non están para esas”. Tras este comezo, O Carrabouxo debullou en clave de humor “a creatividade do campus ourensán”, entendendo por campus o coñecemento do campo, o coñecemento popular. Entre gargalladas do público, o popular humorista gráfico foi debullando esta creatividade con exemplos que van desde a roda de afiar, “a nosa primeira exportación tecnolóxica”, ata o licor café.

Maioría de mulleres ávidas de aprender

O perfil deste estudantado do Programa para Maiores evidencia unha maioría clara de mulleres, o 72% mulleres, cunha media de 56 anos e cun alto porcentaxe de persoas que xa cursaron estudos universitarios ou Bacharelato na súa mocidade. Como exemplo do grupo están María Jesús Gallego e José Castiñeiras, un matrimonio xubilado formado por unha profesora de Educación Infantil e un funcionario. Con moitas ganas de facer cousas novas apuntáronse a este programa porque, sinala José, "ao xubilarte rematas unha etapa pero queres continuar activo, non caer na monotonía, queres seguir en contacto coa xente”, obxectivo que consideran cumprido, pois apunta a súa muller, o máis satisfactorio da experiencia é “o compañeirismo, as amizades que fas”. Rematado o Ciclo Intensivo de tres anos continuarán cos seus estudos especializándose en cine, xa que, sinalan, un fillo seu ten esa especialidade e eles queren “estar á súa altura”.

Ademais de persoas con titulación universitaria, no programa tamén participa xente que, por algunha razón, non puido realizar ou rematar os seus estudos universitarios e agora, co tempo e gañas suficientes, queren pórse a elo. Neste grupo está Sergio García, auxiliar de farmacia que está agora no ciclo de especialización, cursando Historia Medieval e Moderna. Para el, asistir a esta universidade para maiores é pechar “algo pendente”. De mozo comezou a estudar maxisterio pero tivo que deixalo e pórse a traballar. 40 anos despois quixo sacarse esa espiña participando neste programa. E ao igual que os seus compañeiros destaca a súa satisfacción polo tempo e esforzo dedicado.

Aínda que todos concordan no éxito da iniciativa, Asunción Outeiriño e Celsa Blanca Pérez poñen o acento no difícil que lles resultou a estas dúas amas de casa o primeiro ano na universidade, despois de varias décadas sen coller os libros. Asunción lembra con humor o que sufriu coas primeiras clases de filosofía, que ao principio lle parecía “unha cousa doutro mundo”. Agora descubriu a súa vocación frustrada no dereito e xa convenceu a varias veciñas e familiares para participar no programa. “A experiencia é tremendamente enriquecedora” e como sinala Celsa “logo ata nas vacacións botas de menos vir ás clases”.

Profesores mozos, alumnos maiores

A satisfacción dos alumnado correspóndese coa de profesores e responsables universitarios. Josefina Pato, directora do Programa para Maiores, quixo facer fincapé no acto de graduación en que o nivel académico dos participantes é moi alto, tanto pola asistencia como pola calidade dos traballos que presentaban ás diferentes materias, que van desde lingua e historia ata arte ou a saúde. “A pesar da diversidade dos estudante eles conseguiron formar unha piña moi unida e moi boa”.

Para os profesores a experiencia tamén resulta especialmente satisfactoria por todo o enriquecemento que supón transmitir coñecementos a un colectivo diferente ao habitual nas aulas universitarias. Así o explica Ana Cebreiros, profesora do programa na área de Historia e investigadora. “A experiencia é especialmente gratificante porque posibilita as relacións interxeneracionais, ver a opinión e inquedanzas de persoas maiores e contrastalas coas nosas”, salienta. Como exemplo do amenas e produtivas que son as clases, Ana apunta o feito de que, ao contrario do que soe ocorrer nas aulas universitarias, a xente é moi participativa, con moitas ganas de preguntar e debater.