DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo coa reedición da obra 'Educación e Ideoloxía en Ourense na IIª República'

Unha emotiva homenaxe ao profesor Raúl González e aos mestres represaliados do Ribeiro

O acto, organizado pola Asociación Álvaro das Casas, terá lugar o 29 de decembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 23/12/2010
A investigación trae consigo moitas veces a obriga ou a necesidade de que os achados feitos sexan coñecidos pola sociedade. No caso de memoria histórica isto tradúcese en buscar un recoñecemento público para as persoas que se comprometeron intensamente co contexto histórico que lles tocou vivir. Con esta idea, a Asociación Álvaro das Casas organiza o 29 de decembro unha homenaxe aos mestres represaliados no Ribeiro, coincidindo coa reedición do libro do Educación e Ideoloxía en Ourense na IIª República, do vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, Xosé Manuel Cid.

O acto, que terá lugar ás 19.30 horas no Pazo dos Ulloa de Esposende, contará participación de Avelino Muleiro, presidente da Asociación Álvaro das Casas; os ribeirenses Xesús Alonso Montero, catedrático de Literatura Galega, e Xosé Lois González O Carrabouxo, e Xoán Carlos Domínguez, profesor e escritor que durante o acto lerá un poema do seu libro Incivil. Segundo comenta Cid, “durante a homenaxe lembrarase a figura dos educadores represaliados nesta zona, dedicando unha especial lembranza ao profesor Raúl González, unha figura excepcional e moi querida que faleceu arredor de 1996”.

O vicedecano de Ciencias da Educación lembra con cariño como “unha tarde tiven a oportunidade de coñecer, nun funeral, a don Raúl, que, como bo agnóstico, daba voltas polo atrio sen entrar na igrexa”. Raúl González, republicano e pedagogo do movemento da Escola Nova que aspiraba a reformar o ensino durante a Segunda República, foi detido en 1938 e sentenciado a pena de morte, sentenza que finalmente lle foi conmutada por 15 anos de cadea e a imposibilidade de volver ao ensino público. Tras pasar sete anos no cárcere, sería “un dos grandes profesores que se tería que dedicar ao ensino privado na Academia Bóveda de Ourense, do irmán de Alexadre Bóveda, ata que finalmente foi reposto en 1966 no maxisterio público”.

600 profesores ourensáns represaliados

O homenaxeado foi un dos aproximadamente 2000 mestres galegos represaliados desde agosto de 1936 ata o remate da ditadura, 600 deles da provincia de Ourense, e moitos deles, aproximadamente 300, mestres que pertencían a ATEO, a Asociación de Traballadores da Ensinanza de Ourense. Raúl González era un apaixonado das teses da Nova Escola, nas que o alumno, e non a materia, eran o centro do ensino na aula, defendendo e aplicando metodoloxías como a dos centro de interese de Decroly, na que se escollía un tema de interese para o alumnado e durante un tempo ese tema era o centro de todas as materias.

Para dar conta do compromiso deste profesor co ideario republicano e o ensino, Cid lembra que durante moitos anos Raúl González acudiu ao campus de Ourense o 14 de abril, día da proclamación da Segunda República, para explicar ao alumnado universitario os feitos históricos que lle tocou vivir en primeira persoa e a súa concepción do ensino renovador.

Durante a homenaxe tamén se lembrará aos profesores Eloy Sobrino, da escola de Beade; a José Rivera, da escola de Avión, e a Amadeo López, un dos principais defensores da republicanización da escola e da sociedade que foi “paseado” en 1936, ao tempo que eran destituídos os seus irmáns e parella, tamén mestres. Amadeo López “xunto co alcalde do Carballiño, Felisindo Álvarez, e co compañeiro José Rivera, tentaban estender a conciencia republicana nas comarcas despois do 14 de abril”, explica Cid. Tamén moi comprometido coa súa ideoloxía, neste grupo de profesores do Ribeiro represaliados está Félix Salgado, que morrería tamén polas súas ideas renovadoras, e que será lembrado na homenaxe aos mestres represaliados no Ribeiro do día 29 de decembro en Esposende.