DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesores e estudantes do campus concentráronse no Edificio Xurídico-Empresarial

Emotivo silencio en lembranza do empresario Manuel Rodríguez de la Fuente

Os promotores da iniciativa lembraron a súa estreita vinculación coa universidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 05/05/2010

Profesores e estudantes do campus gardaron un emotivo minuto de silencio en lembranza do empresario Manuel Rodríguez de la Fuente, falecido este martes. A xuntanza celebrouse ás 16.00 horas na entrada da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, onde o empresario tiña previsto participar a esa mesma hora nun café coloquio con alumnos e alumnas do centro para falarlles da súa experiencia no mundo da empresa así como das bondades e dificultades da profesión.
Xerente do Grupo Cuevas e presidente da asociación de empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, Rodríguez de la Fuente mantiña unha estreita vinculación coa Universidade xa que era vicepresidente do Consello Social da Universidade de Vigo e profesor invitado nos distintos mestrados que se imparten na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e esta unión foi a calidade máis subliñada polos promotores do encontro. O vicerreitor do campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez, quixo transmitir “o máis sentido pésame da comunidade académica á familia de Rodríguez de la Fuente, bo amigo, boa persoa e relator habitual das nosas aulas” ao tempo que subliñou do empresario “a súa aposta polas posibilidades da nosa provincia e do noso campus”. Para a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, María Elisa Alén, Rodríguez de la Fuente “era un home que cría na universidade e que estaba moi implicado con todas as actividades que se organizaban no campus”. Na mesma liña pronunciouse o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Santiago Lago. “Estamos moi tristes por esta gran perda xa que Rodríguez de la Fuente era o empresario que máis colaboraba co campus de Ourense”, declarou.