DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de CCSS e da Comunicación acolleu o primeiro debate electoral antes das municipais

O emprego, principal preocupación dos candidatos á alcaldía

O desenvolvemento urbano de Pontevedra, o turismo e as políticas sociais, outros dos temas destacado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 04/04/2011

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación converteuse no primeiro lugar de debate electoral entre as tres principais forzas políticas que optan á alcaldía de Pontevedra. Cun tempo limitado a 20 minutos, e por rigoroso sorteo, interviñeron Telmo Martín do PP en primeiro lugar, Miguel Anxo Fernández Lores do BNG a continuación, e cerrando a exposición, Antón Louro do PSdeG-PSOE. O profesor Álvaro López Mira moderou un debate no que os tres candidatos dedicaron o seu tempo a expor as principais liñas de goberno para os vindeiros catro anos, entre as que cobrou especial importancia a procura de medidas que potencien o emprego, así como a mellora da cidade.

O primeiro en intervir foi o candidato polo Partido Popular, Telmo Martín, quen valorou “como piar fundamental” a búsqueda de novas fontes de emprego coa creación de parques empresariais e coa mellora do comercio, do turismo e da formación. Martín falou da construción de tres parques empresarias, “un, o campus da innovación en colaboración coa Universidade, así como un parque tecnolóxico e un parque loxístico”. Salientou a necesidade de potenciar o turismo “mediante campañas de promoción e a creación dun parador 5 estrelas” ademais de consolidar a formación dándolle especial importancia ao inglés e ás novas tecnoloxías así como “bolsas e oportunidades que eviten a marcha das novas promesas”.

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores, candidato polo Bloque Nacionalista Galego e segundo en tomar a palabra, fixo especial fincapé nos avances logrados nos últimos catro anos e incidiu en que “os feitos son o noso aval”. En materia de emprego Fernández Lores puntualizou que vai seguir na súa liña de crear oportunidades laborais “tantas como nos sexan posibles, tanto desde o turismo ou o comercio, como desde servizos sociais, comedores... pero lonxe da especulación e das riquezas sen límites”.

O último candidato en comparecer, Antón Louro polo PSdeG-PSOE, quixo deixar claro que as competencias en materia de emprego “están nas mans da Xunta e non nos gobernos municipais” pero aínda así achegou unha serie de medidas, nas que, como nas exposicións anteriores, o turismo “se converte en valor fundamental, máis aló do sol e praia”. Ademais destacou a necesidade “de activar unha liña de bolsas que poñan en relación o tecido empresarial cos futuros graduados”, crear centros municipais de formación e innovación ademais de infraestruturas industriais “que xeren man de obra”.

O desenvolvemento da cidade e a política social

O candidato polo BNG quixo defender o modelo estratéxico de cidade que desenvolveu durante o seu mandato “de enorme calidade, e que está a converter a Pontevedra na cidade máis premiada e admirada de Galicia con premios de xurados independentes”. Tanto é así “que cidades do nivel de Ámsterdam nos están a pedir asesoramento para o seu modelo urbano pois apostamos por un rumbo claro, definido e exitoso, lonxe dos proxectos faraónicos de outros”. O tráfico, o transporte público e os servizos á poboación rural tamén foron obxecto de debate.

O candidato do PP asegurou que sería conveniente a creación de parkings “disuasorios” nas entradas da cidade “comunicados con liñas de autobuses con ruta pola cidade” ou a mellora da estación de tren. A creación dun hospital en Montecarrasco tamén é un obxectivo dentro da súa liña social. Na mellora das condicións do rural destacou a construción de catro edificios “que acheguen a administración ao rural”, solucionando as comunicacións coa cidade mediante un servizo de “teletaxi compartido”. O candidato do PSOE destacou en materia social a importancia de potenciar “unha rede sólida de escolas infantís” asumindo ademais o compromiso “de que a poboación do rural teña os mesmos servizos que os que viven na praza da Peregrina”.