DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha xornada aborda no campus as diferentes alternativas que ofrece este sector

O emprego público, unha oportunidade de inserción laboral para as e os titulados

A través das experiencias de catro traballadores de diferentes administracións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 26/04/2019

Segundo unha enquisa realizada na pasada edición do Salón de Orientación Universitaria Unitour, unha cuarta parte dos mozos e mozas españois queren ser funcionarios. Pero a función pública ofrece un amplísimo abano de posibilidades de emprego e, para dalas a coñecer, o campus de Vigo acolleu este venres unha xornada impulsada pola Dirección General  de la Función Pública e a Universidade. O acto estivo inaugurado polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta de Galicia en Vigo, xunto con Xosé Areses, xefe da Unidad de Apoyo de la Dirección General de Función Pública.

A través da experiencia e as vivencias de catro traballadores de diferentes administracións, o estudantado puido achegarse á Oferta de Emprego Público e as diversas alternativas e oposicións. O obxectivo da xornada é tamén atraer talento á Administración General del Estado e, para isto, Xosé Areses explicou en que consiste a OEP, cal é o seu procedemento de aprobación e desenvolvemento, os principais corpos e posibilidades da próxima convocatoria, así como os termos xerais dos procesos selectivos, dende o tipo ata as cantidades de probas dos grupos A1 e A2. 

Catro experiencias persoais

Estas xornadas de Emprego Público arrancaron en 2018 como unha ferramenta para dar a coñecer o emprego público entre os estudantes de graos e posgrao das universidades españolas, permitíndolles situar a Función Pública como unha posibilidade de inserción laboral para o seu futuro. Para isto, catro recentes aprobados de distintos procesos selectivos contáronlles aos asistentes as súas experiencias, dende como coñeceron o corpo profesional ao que agora pertencen, ata que lles levou a preparar a oposición, como foi o proceso e a súa situación actual tras aprobar.

Unha das encargadas de trasladar as súas vivencias foi Marta Cruz, enxeñeira de Telecomunicación pola Politécnica de Madrid que, tras cursar o Máster en Sistemas e Tecnoloxías da Información para a Administración do Estado, entrou a formar parte do Cuerpo Superior de Tecnologías e Sistemas da Información da Administración do Estado, en concreto na Subdirección General de Coordinación de Unidades TIC. 

Isaac Sánchez, licenciado en Ciencias Xeolóxicas pola Universidad de Zaragoza, tamén explicou o proceso polo que entrou na Escala de Técnicos Facultativos Superiores de Organismos Autónomos do Ministerio de Medio Ambiente. Na actualidade é conselleiro técnico na Unidad de Apoyo da Dirección General de Calidad y Evaluación Ambiental y Medio Natural do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. En concreto, na Dirección General del Agua do Ministerio de Medio Ambiente, desenvolve tarefas relacionadas coa implementación da Directiva Marco da Auga e da Directiva relativa á protección das augas subterráneas contra a contaminación e o deterioro.

Unha terceira voz foi a de Maj-Britt Larka Abellán, enxeñeira de Minas especializada en enerxía e combustible, e funcionaria do Cuerpo de Ingenieros de Minas del Estado dende 2008. É tamén vogal asesora da Dirección General de Industria del Ministerio de Industria, Energía y Turismo e subdirectora de Calidad del Aire y Medio Ambiente Industrial do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente.
Xosé Areses, licenciado en Dereito, ademais de presentar a xornada, tamén trasladou a súa traxectoria profesional que o levou a ser parte da XXXVIII promoción do Cuerpo Superior de Administradores Civiles do Estado. Actualmente é o xefe de Unidad de Apoyo na Dirección General de Función Pública do Ministerio de Política Territorial y Función Pública.