DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un proxecto piloto da Consellería de Economía e Industria testa a eficiencia desta enerxía verde

A emprego de xeotermia na Biblioteca Central suponlle á Universidade un aforro económico do 48% e enerxético do 55%

Nesta iniciativa colaboran grupos de investigación de Vigo e Ourense e EnergyLab

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 16/12/2010

Limpa, eficiente e renovable, a enerxía xeotérmica pode representar para Galicia unha boa alternativa ao sistema enerxético actual axudando a diminuír a dependencia enerxética. Para testala e comprobar o seu rendemento, a Consellería de Economía e Industria en colaboración coa Universidade de Vigo e EnergyLab puxo en marcha un plan piloto que permitiu a implantación de xeotermia en cinco edificacións de Galicia que agora arroxan os seus primeiros resultados. A Biblioteca Central da Universidade é unha destas instalacións que emprega exclusivamente xeotermia, cun aforro de entre un 60% e un 70% respecto ás caldeiras de gasóleo.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou este xoves acompañado polo reitor da Universidade, Salustiano Mato e pola directora de EnergyLab, Elena González, os resultados do estudo. Segundo Guerra, o aforro en calefacción pode oscilar entre o 30% e o 70% e en climatización entre o 20% e o 20%. No caso concreto da Biblioteca Central, a xeotermia repórtalle á Universidade “un 48% de aforro económico e un 55% enerxético; isto tradúcese en que no campus a comunidade universitaria respira un aire un 85% máis limpo”, segundo o conselleiro.

De empregarse enerxía xeotérmica en todos os centros de saúde, escolas e bibliotecas de Galicia, explicou o conselleiro, “poderíamos aforrar 10 millóns de euros ao ano e producir 52.000 toneladas menos de CO2 cada ano, o equivalente a 13.000 campos de fútbol de superficie arbolada, un aforro equivalente ao consumo de 23.000 familias”.

Pola súa banda, o reitor destacou a implicación das tres institucións coa enerxía xeotérmica e salientou a participación neste proxecto de grupos de investigación da ETS de Enxeñeiros Industriais, da ETS de Enxeñaría de Minas e da Facultade de Ciencias de Ourense. “Esta é unha mostra máis de como a Universidade harmoniza as súas capacidades coas demandas reais da economía e da sociedade”, explicaba Mato. Con todo, a Universidade de Vigo conta tamén con outro edificio ecolóxico que emprega exclusivamente xeotermia para calefacción e climatización: a Biblioteca do Edificio de Ciencias Experimentais que foi inaugurado en 2009.

Galicia, unha potencia xeotérmica

Este proxecto piloto comprende a implantación de enerxía xeotérmica ademais de na Biblioteca, no centro de día e escola infantil de As Neves, en dúas escolas infantís de Baiona e Nigrán e nun edificio de vivendas en Ribadumia. Segundo Elena González, agardábase que o aforro fose de entre o 30% e o 70%, pero os resultados amosaron unha media entre as cinco instalacións do 67%. A directora de EnergyLasb coincidiu tamén con conselleiro en que Galicia pode ser unha potencia xeotérmica a medio prazo porque “as condicións do terreo son especialmente positivas”. De seguir traballando neste camiño “poderíamos movernos en parámetros de países do norte de Europa no futuro e sen dúbida liderar este sector a nivel español”, afirmou o conselleiro.
Para isto, Guerra explicou que a Xunta aposta por crear un marco xurídico que anime a protexa ás empresas que queiran investir neste sector e subliñou tamén a implicación do goberno autonómico co clúster da xeotermia, amosándose confiado na implantación nun futuro dunha fábrica de bombas de calor en Galicia.

33 sondeos que recollen o calor da terra

Para climatizar os 3300 m2 da Biblioteca Central da Universidade realizáronse 33 sondeos na contorna do edificio de 100 metros de profundidade que recollen o calor da terra para dirixilo a tres bombas que funcionan, igual que os acumuladores de auga, alternativamente segundo as necesidades do edificio. Para estas instalacións, a inversión máis custosa é a propia perforación pero dende EnergyLab subliñan que os gastos se poden amortizar en sete anos e que o aforro, ao non empregar gasóleo, “é dende o minuto cero”. Con todo, nestas cinco probas piloto houbo que substituír as caldeiras de gasóleo polas bombas de calor, polo que a inversión foi maior, un gasto que diminuiría no caso dos edificio de nova construción e que permitiría en pouco tempo o retorno en cinco anos.