DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres presentouse a oferta de cursos para este cuadrimestre

Do emprendemento á argumentación con 18 opcións no camiño

Hai 419 prazas dispoñibles para membros da comunidade universitaria e para público xeral

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 01/02/2013

O luns día 4 de febreiro ábrese o prazo de matrícula nos obradoiros do segundo cuadrimestre do campus de Ourense. Emprendemento, debate e 18 opcións máis compoñen unha programación que destaca pola súa diversidade e polo elevado número de prazas ofertas, 419 en total. A pesar da crise económica, os obradoiros volven máis fortes ca nunca para ofrecer á comunidade universitaria e aos ourensáns en xeral unha oportunidade de recibir formación complementaria nas súas áreas de interese.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus, e os coordinadores de algúns dos obradoiros, como son Pablo Raúl Bonorino e Rosa Novoa, foron os encargados de presentar este venres a programación de obradoiros. “Alén do elevado número de prazas e cursos ofertados, nesta ocasión é especial motivo de satisfacción o feito de que incluímos na programación seis novidades e que sete dos cursos serán impartidos por membros da propia comunidade universitaria ourensá”, destacou María Lameiras durante a rolda de prensa de presentación.

Entre as novidades deste ano están cursos de emprendemento práctico, de cociña saudable, de maridaxe de viños e produtos galegos, de redes sociais, de electromecánica e de reutilización e transformación de roupa. Sobre o primeiro deles, Alberto Vaquero quixo salientar que “no campus de Ourense estamos moi interesados en apoiar o emprendemento e este obradoiro práctico, no que colaborarán diferentes institucións, permitirá aos participantes aprender a facer un plan de empresa”. A iniciativa, explicaron os seus promotores, quere ser tamén un viveiro de ideas que poidan logo optar á convocatoria para ocupar tres espazos gratuítos no Parque Tecnolóxico de Galicia, convocatoria que se realizará grazas á colaboración da Tecnopole, a Vicerreitoría do Campus, a Cámara de Comercio e a Confederación de Empresarios de Ourense.

Programación consolidada

Entre os obradoiros que se repiten de anteriores edicións están as tres aulas de teatro, Rosaura, Cordelia e MariCastaña, impartidas por Sarabela Teatro; a aula de danza, dirixida por Traspediante, e o obradoiro de gaita galega e música tradicional, ofrecido por Gonzalo Abelairas. Tamén repetirán os talleres de iniciación á observación astronómica; o de circo, malabares e equilibrio; o de fotografía dixital e imaxe dixital con Photoshop e o de supervivencia, técnicas de escalada e rappel. A sexualidade e a identidades, con especial atención aos espazos para a transgresión, a mediación na promoción e a educación para a saúde e o voluntariado, promoción da Igualdade e prevención da violencia de xénero serán algunhas das outras temáticas que se tratarán na programación deste cuadrimestre. Durante a presentación dos obradoiros tamén se presentou o de técnicas de argumentación e comunicación oral, coordinado por Pablo Raúl Bonorino, que de xeito piloto este curso intentará crear unha liga universitaria de debate no campus.

O custa da matrícula é de 40 euros para o público en xeral, 30 para os membros da comunidade universitaria e 20 euros para os bolseiros. O prazo para inscribirse remata o vindeiro 15 de febreiro.