DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os seis proxectos gañadores do premio INCUVI-Emprende desenvolveranse nas súas dependencias

O emprendemento faise visible na pre-incubadora da Universidade

Impulsores e patrocinadores entregaron hoxe os galardóns aos 22 participantes

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría e Noemí Rey DUVI 18/01/2012

Democratización da domótica. Mellora da comunicación entre empresas e clientes a través das páxinas web. Sinalización con autonomía enerxética para estradas con puntos negros ou con pouca visibilidade. Desenvolvemento de aplicacións para IPhone ou Android. Unión a través das novas tecnoloxías de familias e educadores de centros para cativos de entre 0 e 6 anos. Comercialización de produtos orientados aos picosatélites Cubesat. Estes seis proxectos tan dispares, xurdidos do enxeño do alumnado da Universidade, teñen sen embargo algo en común: ser os gañadores da primeira edición dos premios INCUVI-Emprende, un galardón que lles abre as portas da pre-incubadora desenvolvida pola Universidade, Cidade Universitaria e a Fundación Universidade de Vigo, na que poderán levar a cabo un plan de negocio que desemboque na creación de unha empresa. Co patrocinio de Novacaixagalicia, Banco Santander, PSA Peugeot Citroën,Telefónica, R, Blusens, AJE Galicia, ASIME e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, a pre-incubadora forma parte, segundo o reitor Salustiano Mato, de unha serie de ferramentas “coas que unha universidade debe dotar ao seu alumnado para facilitar a súa incorporación ao mercado laboral, dentro de unha cultura do emprendemento que é imprescindible”.

Os autores dos proxectos galardoados cunha oficina na pre-incubadora, así como os 17 responsables das iniciativas que tamén concorreron á convocatoria da Universidade de Vigo, recibiron hoxe os seus respectivos recoñecementos nun acto celebrado no Edificio Miralles que contou coa asistencia dunha ampla representación da comunidade universitaria, de empresas patrocinadoras e autoridades políticas. Un acto no que o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, e o propio reitor, agradeceron a implicación das empresas patrocinadoras para as que Mato asegurou que a Universidade quere ser “un aliado estratéxico” a través da posta en marcha do que Vilán cualificou como “exemplo real” da aposta da institución polo emprendemento.

Os once estudantes e titulados das escolas de Enxeñaría Industrial, Telecomunicación e de Estudos Empresariais que gañaron o seis premios INCUVI-Emprende soñan con ver convertidos os seus proxectos realidade e tamén, en algúns casos, que formen parte do día a día. Por que non imaxinalo?

Comeza o día na vivenda de unha parella con fillos …..

Antes de se erguer, o home desde a cama colle o smartphone que se atopa na mesiña de noite e preme uns botóns. De inmediato as persianas do dormitorio soben, as luces préndense e conéctase a calefacción. En esta vivenda Verónica Ruíz, Bruno Seoane e Antonio José Vázquez da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación desenvolveron o seu proxecto Smart Home que permite analizar e integrar tecnoloxías baseadas en radio, como o wi-fi, para achegar o control domótico integrado no fogar dixital. “Trátase de democratizar a domótica que agora é cara e polo tanto elitista”, explican os autores do proxecto “de xeito que prender as luces, apagar ou acender dispositivos se poida facer desde un teléfono ou un ordenador de forma económica e fácil para persoas con mínimos coñecementos”. Ademais de en vivendas o proxecto Smart Home tamén se podería aplicar en locais comercias e empresas.

….. todos ao coche e poñémonos en marcha

Xa fóra da casa a familia entra no coche que comeza a circular por unha estrada que transcorridos poucos quilómetros empeza a estreitarse. Neste vieiro no que non hai moito tempo se rexistraron varios accidentes, Avelino Pérez e David Rodríguez da Escola de Enxeñaría Industrial implantaron o seu proxecto ITSING. “En puntos negros ou con pouca visibilidade instálase unha sinalización intelixente”, explican, “unha sinalización autónoma enerxeticamente falando que poida empregar recursos como a eólica, solar ou incluso a xerada polos vehículos”.

Primeira parada: a escola infantil ……

O vehículo que traslada á familia detense diante dunha escola infantil. Antes de baixar aos nenos, a nai revisa se nas mochilas están os tablets de cada un dos cativos. Mediante ese soporte e ao proxecto Berce de Rubén Míguez e Víctor Manuel Alonso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, familias e educadores de centros de infantil de 0 a 6 anos gozan dun novo vínculo de unión. “Con este sistema as familias teñen toda a información do que os cativos fan na escola”, detallan os autores, “un traballo para o que as tradicionais axendas de papel poidan ser substituídas por unha ferramenta de comunicación e rexistro”. Alertas, estatísticas e comparativas, son algunhas das funcións “extra” que este servizo podería ofrecer.

… e fin do traxecto no posto de traballo

O inicio da xornada chega ao seu fin para a parella ao chegar ao seu centro de traballo. Antes de baixar do coche ela revisa o iPhone e comproba que xa se descargou a información que precisaba. A través do proxecto Redinput deseñado por Breogán González da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e Paula Vigo da Escola de Estudos Empresariais “utilizando como canle de distribución Android Market e Appstore desenvolvemos produtos adaptados aos dispositivos móbiles en formar de aplicacións sinxelas e útiles”. Menor consumo de datos, economía e eficiencia, son segundo os seus autores as vantaxes de esta idea.

El sitúase ante a súa mesa de traballo e acende o ordenador. Consulta un par de webs e entra en unha delas para trasladarlle unha suxestión á que levaba tempo dándolle voltas. A través do proxecto Feedbackery de José Iglesias Fernández da Escola de Enxeñaría Industrial, “os clientes das empresas poden mellorar a súa comunicación, achegando ideas e incluso votándoas”, explica “unha forma de facer feedback que en EEUU xa se fai desde hai anos, pero que aínda non se implantou en gran parte do mundo”.

Aquí remata esta historia medio ficción, medio realidade que puidemos seguir desde moitos quilómetros de distancia grazas ás imaxes que nos enviou un picosatélite Cubesat no que a través do proxecto Gravity Space de Miguel López da Escola de Enxeñaría Industrial , foi posible aplicar “un sistema de despregamento de antenas e outros produtos que ten claras vantaxes competitivas sobre os da competencia”.