DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Miguel López representará co seu proxecto sobre picosatélites aos emprendedores do ámbito tecnolóxic

O emprendemento tecnolóxico do alumnado vigués obtén recoñecemento nacional

Nunha xornada organizada polo Ministerio de Educación o vindeiro mércores en Madrid

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 20/10/2011
É o único premiado en toda España polo seu proxecto emprendedor no ámbito tecnolóxico que o vindeiro mércores 25 de outubro presentará o seu traballo no transcurso da Xornada de recoñecemento a premios emprendedores universitarios que organiza o Ministerio de Educación en Madrid. Miguel López Estévez, estudante de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, que hai poucas semanas recibía un dos dous Premios Espírito Emprendedor que outorga a institución académica viguesa, foi seleccionado entre todo o alumnado das universidades españolas no ámbito das tecnoloxías para presentar o seu proxecto para a creación dunha empresa que comercialice a tecnoloxía para picosatélites Cubesat na xornada que se celebrará a vindeira semana na Universidad Carlos III de Madrid. Xunto a Miguel López, os estudantes da Universidad de Lleída, Irene Badía, Maite Camí, Ángel Miró e Marc Planes, exporán o seu proxecto do ámbito social consistente nunha axencia de viaxes para persoas con discapacidade.

Con esta xornada de recoñecemento que se celebrará na capital de España, remata un proceso que comezou coa sinatura de convenios de colaboración entre o Ministerio de Educación e as universidades públicas españolas, entre elas a de Vigo, para o impulso do espírito emprendedor do estudantado universitario. Nos convenios establecíase a concesión de premios aos mellores proxectos presentados en cada universidade para os que se tivo en conta o carácter innovador do proxecto, o nivel de desenvolvemento e a súa visibilidade, así como a empleabilidade, o potencial internacional e a sostibilidade.

Viabilidade comercial dun proxecto que forma parte do XaTcobeo

Miguel López forma parte do proxecto XaTcobeo no que se encarga da parte relacionada coas antenas do picosatélite que neste intre se atopa na sede central da ESA (European Space Agency) onde está sendo sometido ás derradeiras probas antes do seu lanzamento previsto para o vindeiro mes de xaneiro de 2012. A idea que lle valeu o Premio do Espírito Emprendedor da Universidade de Vigo ao enxeñeiro industrial baséase na comercialización “dunha tecnoloxía xa desenvolvida e que será probada cando se lance o picosatélite”, explica . Sobre a viabilidade comercial de esta idea emprendedora que é tamén o seu proxecto de fin de carreira, Miguel amósase confiado porque “sabemos que tecnicamente é viable”, aínda que lle queda por diante elaborar o plan de empresa, obxectivo no que debe investir o galardón en metálico que recibiu e que ascende a 2500 euros.