DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O emprendemento preséntase como alternativa de autoemprego fronte ao paro

Emprender dende a universidade, un reto posible

O Servizo de Apoio ao Emprendedor do campus asesora á comunidade universitaria na creación de negoci

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 25/01/2011
Emprender un proxecto empresarial sempre é unha decisión difícil e unha tarefa ardua polas implicacións económicas, profesionais e persoais que supoñen para o seu promotor. Se quen emprende o fai dende unha universidade, que non conta cunha traxectoria profesional previa, o reto é aínda maior. Para orientar e axudar a este colectivo nese proceso, o campus de Ourense conta cun Servizo de Apoio ao Emprendedor, que agora se prepara para axudar aos futuros empresarios a presentarse ás axudas que coma cada inicio de ano convoca a administración.

O Servizo de Apoio ao Emprendedor naceu en 2003 co obxectivo fundamental de orientar aos membros da comunidade universitaria ourensá que teñen unha idea de negocio e queren transformar nunha realidade empresarial. O perfil dos seus usuarios e dos proxectos presentados ao longo destes anos é moi diverso, aínda que destacan as consultas de estudantes de últimos cursos, principalmente da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que buscan no autoemprego a solución ás escasas ou pouco atractivas posibilidades que ofrece o mercado laboral hoxe en día.

“A nosa función é informalos e asesoralos en todo ese camiño, dende a maduración da idea e a elección da forma xurídica ata o acceso a subvencións” salienta Rosa Nóvoa, responsable do Servizo de Apoio ao Emprendedor. A busca de financiamento público a través de axudas é o principal motivo polo que a comunidade universitaria se achega ata a oficina, aínda que unha vez alí traballan outros aspectos como os xurídicos e laborais. “O noso consello sempre é que se teñen unha idea de empresa non a creen en función das axudas. Se veñen eses cartos benvidos serán pero non poden ser a base do negocio”, advirte Rosa Nóvoa.

En todo caso, e consciente da importancia fundamental de conseguir capital para pór en marcha a empresa, desde o Servizo de Emprendemento a súa responsable advirte de que “agora é o momento propicio para madurar as ideas, xa que están comezando as saír as convocatorias de axudas da administración e todo o traballo previo de preparación que se poida adiantar é fundamental, xa que os períodos de solicitude son moi curtos”. Entre as convocatorias que xa están abertas, salientan as de empredemento feminino do Programa Emega da Xunta de Galicia.

A importancia do plan de empresa

Antes de chegar á solicitude de axudas e para lanzarse cun mínimo de garantías á aventura de emprender, a responsable do servizo salienta a importancia de realizar un sólido plan de empresa, no que se analicen axeitadamente as capacidades do promotor e a situación do mercado, se defina a carteira de servizos e produtos e se estude a viabilidade económica da empresa, entre outros aspectos.

Neste proceso de definición do proxecto poden achegarse ata a oficina do servizo no Edificio Administrativo do campus para recibir asesoramento ou tamén poden consultar a súa sección na web da Universidade de Vigo, onde están dispoñibles unhas sinxelas guías de orientación que son actualizadas periodicamente. Son as Guía do emprendedor universitario, que ofrece información sobre os pasos a seguir para a creación dunha empresa, e a Guía do programa Leader 2007-2013, que afonda nas axudas deste programa europeo para Galicia.

A pesares das limitacións que impón a crise económica, Rosa Nóvoa quere “animar aos membros da comunidade universitaria a traballar as súas ideas empresariais, analizar axeitadamente a súa viabilidade e, chegado o momento adecuado, emprender, pois unha crise tamén abre oportunidades para empezar novos proxectos”.