DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto o prazo para presentarse ao 2º Premio Bancaja Xoves Emprendedor@s

Emprender e innovar na Universidade ten premio

O gañador da anterior edición foi a spin-off Nanoimmunotech

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 09/05/2011
Emprender un proxecto empresarial propio é unha decisión que require coñecementos, recursos, valentía e toda a axuda posible para desenvolverse nun marco económico adverso coma o actual. Conscientes desta situación, a Cátedra Bancaja da Universidade de Vigo vén de convocar o 2º Premio Bancaja Xoves Emprendedor@s. “Sabemos que na Universidade se crea coñecemento e que moi habitualmente ese coñecemento ten potencialidades para se converter en novos negocios, en novas empresas. Con este galardón queremos contribuír a que estes negocios se concreticen, ou cando menos, queremos apoiar aos membros da comunidade universitaria que desenvolven novas propostas empresariais”, salienta Ana Gueimonde, directora desta Cátedra Bancaja. Tendo como referente o éxito de Nanoimmunotech, a empresa gañadora da primeira edición do premio, os organizadores animan a estudantes, profesores e investigadores a transformar en proxectos as súas ideas empresariais.

A finalidade da Cátedra Bancaja é impulsar e difundir no ámbito universitario os valores e aptitudes propios da cultura emprendedora e a convocatoria deste certame é un dos instrumentos cos que traballan nesta liña. “Un premio serve de estímulo e incentivo, achega recoñecemento, proxección e recursos materiais ás iniciativas que nacen na Universidade” explica Ana Gueimonde. Poderán presentarse a esta convocatoria, individualmente ou en grupo, estudantes, investigadores e profesores da Universidade de Vigo, así como antigos alumnos que remataran os seus estudos durante os tres últimos anos en calquera dos tres campus. En ningún dos casos poden ter constituído unha empresa con anterioridade ao 30 de xaneiro de 2010.

O premio achega ao gañador unha axuda de tipo económico, 3000 euros, que pretende ser un capital semente que contribúa ao desenvolvemento do proxecto. Ademais, explica Ana Gueimonde, “o galardón tamén é o recoñecemento a un traballo ben feito e avala a presentación pública do proxecto ante o sector economico-financeiro, político e universitario de Galicia”. O prazo para a presentación estará aberto ata o 1 de xullo de 2011.

O éxito da anterior edición

A responsable da Cátedra Bancaja salienta que este ano intentarán repetir o éxito da anterior edición deste galardón, ao que se presentaron 15 solicitudes. “Foi unha moi boa cifra tendo en conta que estamos a falar de proxectos empresariais innovadores e que era a primeira edición. Ademais, non só hai que destacar o número de solicitudes, senón tamén o feito de que procedían de case todos os ámbitos de coñecemento, dos diferentes colectivos da comunidade universitaria e que un bo número deles eran proxectos avalados por un equipo de persoas” explica Gueimonde.

O proxecto gañador do 1º Premio Bancaja Xoves Emprendedor@s foi Nanoimmunotech. A empresa, da que son promotores os investigadores Christian Sánchez e África González, é unha empresa do sector da nanobiotecnoloxía fundada como spin-off da Universidade de Vigo e da Universidad de Zaragoza. Entre os seus servizos ofrece unha gran variedade de técnicas e experiencia en nanotecnoloxía e é pioneira en Europa na caracterización biolóxica de nanoestruturas. “A empresa non só está en activo, senón que non para de recibir recoñecementos, premios e apoios financeiros. Para nós é un motivo de satisfacción ter posto o noso gran de area neste proxecto coa concesión do 1º Premio Bancaja”. Unha satisfacción que agardan repetir nesta segunda edición do certame.