DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A empresa Alcoa, lider mundial no sector do aluminio, fai efectiva a súa colaboración co Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible

Con este, a Universidade acada os 160 convenios con empresas no eido dos másters

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 05/12/2008

Despois da sinatura este xoves dun convenio coa Consellería de Medio Ambiente, a Universidade de Vigo continúa a súa estratexia de implicación co desenvolvemento sostible coa subscrición dunha colaboración coa empresa Alcoa. Líder mundial de produción e fabricación de aluminio, esta entidade incorpórase tanto ao patrocinio como á docencia e ás prácticas do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible.
Segundo subliñou o reitor, Alberto Gago, con esta sinatura acádase a cifra de 160 convenios que a Universidade ten asinados con empresas para o desenvolvemento dos másters oficiais, unha achega moi importante no proceso de igualación social que estes estudos superiores pretenden consolidar. “Estamos ofrecendo unha oferta formativa que, ata o de agora non existía, accesible para todos os estudantes da Universidade e a prezos públicos”, destacou Gago. Neste sentido, o reitor referiuse ao importante papel que o emprego dos seus egresados ten para as institucións académicas, “algo que non formaba parte das preocupacións das universidades públicas tradicionais”.

Unha estreita colaboración

Alcoa e a súa fundación fan deste xeito efectiva a súa colaboración coa achega de 15.000 dólares ao máster dirixido por Xavier Labandeira, ademais de participar na definición dos membros docentes, tomar parte no propio programa e na titorización e prácticas dos estudantes do mesmo. A primeira toma de contacto co máster, esta mesma tarde, corre a cargo de Rosa García, directora de Medio Ambiente para Europa de Alcoa e formada na ETS de Enxeñeiros Industriais de Vigo. Segundo explicou, “apoiamos este proxecto educativo xa que coincide co compromiso da nosa empresa co desenvolvemento sostible, pero tamén co desenvolvemento social que pretendemos potenciar nas comunidades onte temos instalacións, como é o caso de Galicia”.
No que se refire á formación, García salientou a importancia que ten para as empresas atopar profesionais con coñecementos multifuncionais, “demándase algo máis que enxeñeiros ou economistas, xente que se adapte ás necesidades do mercado”, puntualizou. Para isto, as prácticas nas empresas xogan un papel moi importante, xa que lles permite seleccionar aos profesionais do futuro e facilita aos bolseiros o coñecemento da evolución do sector. Por estes motivos, os estudantes do máster deberán integrarse obrigatoriamente un mínimo de tres meses nunha empresa, para poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante a primeira parte do curso. No que se refire ao campo concreto de actuación, Rosa García destacou o campo dos dereitos de emisión como un dos puntos fortes, cun iniciativa na que tentarán involucrar aos estudantes e “ofertar como proxecto de máster”.

A primeira produtora de aluminio do mundo

Cuns ingresos de 30,7 millóns de euros en 2007, 97000 empregados e presenza en 34 países, Alcoa atende os mercados aeroespaciais, industrial, da automoción, envases, construción e edificación e transporte comercial. A empresa conta con dous centros en Galicia, situados en A Coruña e Lugo e foi nomeada como unha das máis sostibles do mundo no Foro Económico de Davos. Neste sentido, a evolución da empresa nos últimos anos fixo que en 2006 fose dez veces máis seguro traballar para Alcoa do que era en 1991 e o 70% do aluminio que produciu na súa historia aínda se segue empregando.