DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unhas xornadas analizan as posibilidades de empregabilidade máis aló da carreira académica

Empresa privada e emprendemento tamén son saídas profesionais do doutoramento

N. Caparrini destaca que a UVigo aspira a mellorar as taxas de inserción laboral deste colectivo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 04/06/2021

Máis aló da carreira académica, o sector privado e o  emprendemento son tamén unha excelente saída profesional para todas aquelas persoas que fixeron unha tese de doutoramento e que adquiriron o grao de doutor. Así se amosou este venres nas Xornadas O doutoramento e máis aló: investigación, emprendemento e empresa, unha actividade organizada pola Área de Emprego e Emprendemento, a vicerreitoría de Investigación e o Cinbio, e na que a través da testemuñas de doutores e doutoras de diferentes ámbitos e sectores se foi debuxando un panorama profesional cheo de posibilidades para as persoas con este tipo de formación.

“A crenza de que os doutores e doutoras só poden desenvolver a súa carreira profesional na investigación está moi estendida, por iso nós decidimos a organizar esta xornada na que queremos dar a coñecer ao persoal investigador, ou que ten idea de facer un doutoramento, xa sexa a longo ou curto prazo, que existen outras opcións”, explicou na inauguración da xornada a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, quen tamén fixo fincapé en que a Universidade sempre aspira a mellorar as súas taxas de empregabilidade, un concepto que normalmente se asocia  máis a grao e máster.  

“Non podemos deixar de preocuparnos porque as taxas de empregabilidade das nosas doutoras e doutores sexan tamén cada vez máis elevadas, tanto  a nivel de convocatorias, axudas, bolsas e políticas universitarias para consolidar aos investigadores da UVigo, como dando a coñecer ao sector privado o potencial deste tipo de formación”, recalcou a vicerreitora, quen quixo pór en relevo que as persoas que teñen un doutoramento, ademais da súa formación, posúen toda unha serie de competencias que son “realmente as que máis se demandan nas empresas” e que van desde o traballo en equipo, ata un alto nivel de responsabilidade, liderado, toma de decisións, comunicación, resolución de problemas…

“Unha carreira de valentes e de pacientes”

Tras a apertura da xornada o director da Escola Internacional de Doutoramento, Antonio Pino, achegou aos participantes unha serie de recomendacións que todo aspirante a doutor debe coñecer antes de emprender esa viaxe. A esta visión de carácter máis xeral, uniuse o relato de Pedro Arenas, un profesional polifacético, con máis de 12 anos de experiencia, tanto no sector privado como no público, e que se definiu a si mesmo como “un piloto no avión da innovación”. Biólogo de formación e experto en márketing científico, Arenas transmitiu as súas distintas experiencias en todos os eidos nos que traballou. O doutoramento é “unha carreira de valentes e de pacientes”, salientou o experto nunha charla na que chamou aos asistentes a ser “persoas de acción e non empregar nunca dobres, aínda que haxa escenas de risco”. Foi o punto de partida dun programa no que o máis importante foron as testemuñas de distintas persoas que, tras rematar o doutoramento, emprenderon camiños profesionais moi variados. 

No emprendemento, na empresa, na investigación

Baixo o título Destino: emprendemento, a primeira mesa redonda dedicouse a expor diferentes experiencias de empresas impulsadas por doutores e doutoras. Neste senso contouse coa participación da catedrática África González, cofundadora de Nanoinmunotech, spin-off das universidades de Vigo e Zaragoza, unha iniciativa empresarial pioneira en Europa, sendo a primeira empresa especializada na caracterización e validación de nanopartículas; Vicente Lustres, cofundador de Biostatech, firma de consultaría en bioestatística e estatística aplicada creada por especialistas e investigadores con ampla experiencia na aplicación de métodos estatísticos en Ciencias da vida e da saúde, e Alexandre Bastos, cofundadora de Ancora Mobile SP, unha starp-up galega que desenvolve software para empresas.

Desde o mundo das empresas, as experiencias chegaron da man de Iván Iglesias, de AIMEN; Belén Budiño, do clúster da acuicultura; Marco Crenogorac, de Schneider Electric, e Antía Blanco, de Galchimia, un dos principais referentes da I+D+i en Galicia, quen pola tarde tamén ofrecerá un taller dedicado á busca da empregabilidade, o autocoñecemento e as claves que debe ter un bo currículo.

A terceira saída profesional, a investigación, contou con testemuñas como a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio; o director do Cinbio, Miguel Correa; a subdirectora da Oficina Galicia Emprende do Igape, Fany Suárez, ou Xavier Eekout, da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía.