DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No IV Foro de Interacción Matemática Aplicada Industria, na ETSE de Telecomunicación

Empresa e universidade colaboran na formulación de necesidades e resolución de problemas a través de métodos matemáticos

Ángel Velázquez, da spin-off Micronics, exemplificou cómo optimizar os beneficios na industria aeroe

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 17/04/2009

A relación entre as ciencias matemáticas e a industria centrou a xornada celebrada hoxe no salón de actos da ETSE de Telecomunicación. Trátase do VI Foro de Interacción Matemática Aplicada Industria, organizado polas tres universidades galegas e no que, por segunda vez, Vigo é o escenario do encontro. Co obxectivo de ir máis alá do académico, unha das misións do evento, e da Universidade en xeral, é “chegar ata esa fronteira do coñecemento aplicado e á súa transferencia”, sinalaba o reitor Alberto Gago no acto de inauguración, no que estivo acompañado por José Durany, organizador do foro, e Edita de Lorenzo e Pedro Arias, directores da ETSE de Telecomunicación e Minas respectivamente. Gago explicou que “debemos coñecer con precisión o que necesitan os sectores industriais para nós ofrecerlles tamén algo concreto, e a de hoxe é unha situación oportuna”.
Plantexar as posibles necesidades da industria en canto a métodos matemáticos e numéricos e incrementar as relacións entre empresa e universidade neste campo son, precisamente, foron os obxectivos da xornada. Como ven sendo habitual, “o foro servirá para estreitar lazos de colaboración entre as industrias e as universidades, máis aínda na época actual de crise económica na que nos atopamos onde, a pesar das circunstancias, a I+D+i xoga un papel fundamental”, apuntaba Durany. Neste senso, o reitor animaba a “seguir nesa dirección de interaccionar e coñecerse moito mellor”.
No encontro presentouse unha gran variedade de problemas que xorden no ámbito de actuación das empresas e “que vos sorprenderá a todos cómo interveñen as matemáticas na súa resolución”, indicáballe Durany ao alumnado alí presente. “Será esta, unha oportunidade para descubrir as cousas que as matemáticas lle poden ofrecer á industria e que esta, á súa vez, coñeza a enorme categoría dos titulados que a Universidade saca ao mercado”, concluía Gago.

Micronics, unha spin-off na industria aeroespacial

Ángel Velázquez foi o encargado de abrir a xornada cun relatorio centrado no labor de Micronics, S.L, unha spin-off de base tecnolóxica da Universidade Politécnica de Madrid, onde tamén el imparte docencia. Primeiramente, ofreceu unha visión persoal e de grupo cara ás relacións co mundo empresarial e a continuación realizou unha breve exposición de Micronics, centrada na súa relación co deseño no sector aeroespacial.
Velázquez comezaba asegurando que o importante é levar o coñecemento ao sector industrial, “soe ser unha ilusión tomar o mercado como pretexto para facer só o que queremos e nos gusta, algo que non soe funcionar, xa que na relación universidade-empresa é esta última a que ten o coñecemento do problema”. A universidade é o provedor e a industria o cliente, “somos máis provedores que patners, temos que vender cousas concretas, e non teoremas, para industrias concretas”. Remarcando o xa sinalado polo reitor, Velázquez apuntaba que “é moi importante saír da burbulla na que estamos e interaccionar co mercado e o mundo real”. O modelo co seu grupo de traballo é “ir en paralelo coa empresa e a universidade”, realizando “produtos e sistemas, patentes, artigos de Journal e tese doutorais”.
Polo que respecta á spin-off que dirixe, o traballo está centrado, sobre todo, na industria aeroespacial, da cal se serviu para expoñer un exemplo de deseño de un perfil aerodinámico nun rango de tres parámetros: ángulo de ataque, mach de voo e deflexión de flap, a través do cal amosou que a “calidade da información obtida con 1053 cálculos é a mesma que con 378, sendo o custe un terceira parte tamén menor”. Micronics axuda aos seus clientes a cubrir bases de datos partindo dunha cantidade pequena de información, a facer modelos reducidos desas bases e a aforrarlles tempo e custe de cálculo, todo isto centrado na finalidade última de “optimizar os beneficios”. Todo este labor ten, segundo Velázquez, “un impacto no mercado” ao existir a posibilidade de abranguer de maneira eficiente problemas de deseño multi-paramétrico e de organizar e planificar campañas de cálculo e ensaios para maximizar información.

Debate sobre as enerxías renovables

Cada ano trátase non repetir a temática, “expoñendo unha variedade de cuestións para evitar a monotonía”, explicaba Durany. Deste xeito, unha das novidades desta edición céntrase en temas “actualmente de moda como son a investigación de enerxías renovables de tipo xerador eólicos e ondada mariña”. Neste senso, Gerardo López, da empresa lucense Norvento, afondou sobre o Aproveitamento da enerxía da ondada en Galicia e José Araújo, de Iberdrola, expuxo os Modelos para a optimización da enerxía eólica.
María Rodríguez, da compañía de servizos de informáticos AFI, e Carlos Vázquez, da Universidade de A Coruña, co relatorio titualdo Valoración de derivados de tipos con modelos de mercado, pecharon a sesión.