DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Resolve e o Grupo CIMA desenvolven un prototipo de xerador que aproveita a bidireccionalidade dos fl

Empresa e Universidade de Vigo alíanse para extraer a enerxía das correntes mariñas

As probas realizaranse desde hoxe nas inmediacións do porto de Meloxo en O Grove

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 14/09/2012

No fondo do mar, a uns cen metros de distancia do porto grovense de Meloxo, funciona desde hoxe un xerador que utiliza as correntes submarinas para producir enerxía eléctrica. Este prototipo a escala, froito do traballo conxunto da empresa Resolve Enerxía e do Grupo CIMA da Universidade de Vigo, ten unha peculiaridade que o diferenza doutros xeradores, habituais por exemplo nos países nórdicos, que é a súa bidireccionalidade, de xeito que pode traballar tanto coa corrente producida pola subida da marea, como coa de baixada, sen influír isto no seu rendemento. “Se os resultados con este prototipo a escala de 4,5 Kw son os agardados, estaremos ante un equipo capaz de aproveitar as correntes submarinas bidireccionais, e grazas a súa modularidade, pode significar unha nova fonte de enerxía que sumar ao actual abano de sistemas de xeración”, explica Eloy Prada, xerente de Resolve Enerxía.

O prototipo que hoxe foi botado nun acto que tivo lugar no porto de Meloxo e que contou coa presenza de responsables da empresa e do grupo CIMA, co seu director José Antonio Vilán á cabeza, así como de autoridades encabezadas pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, comezou a desenvolverse no ano 2009. “O obxectivo do proxecto”, explica Isabel Fernández, investigadora do Grupo CIMA, “é o desenvolvemento dun modelo a escala dunha turbina de aproveitamento das correntes submarinas como primeira fase dun proceso industrial máis ambicioso”. Así, en función dos resultados que arroxen as probas que se van realizar co prototipo botado hoxe, deseñaríase un equipo a escala real que acadaría unha potencia de 110Kw.

“As probas”, explica Eloy Prada, “consistirán na comprobación do comportamento hidrodinámico do equipo simulado informaticamente con anterioridade, así como comprobar o comportamento dos materiais baixo o mar e ante o fouling , isto é os organismos que colonizan as estruturas construídas polo home e tamén a súa estanquidade”. Esta turbina a escala que permitirá contrastar un modelo de cálculo cun prototipo real, acada, incluído o armazón de formigón sobre o que vai situado, unhas dimensións de 2,5 x 2,45 x 2,85 m e un peso de 26 toneladas, mentres que o diámetro das súas palas é de 1,8 metros.

Unha capacidade enerxética maior que o vento

Ademais de ser unha fonte inesgotable, as correntes mariñas posúen unha elevada capacidade enerxética derivada da densidade da auga do mar, de xeito que se se compara este xerador mariño cun aeroxerador, co que ten un principio de funcionamento case igual, “a enerxía que se pode obter da auga é moito maior que a do vento pola densidade do fluído que inflúe na forza que se pode obter destes equipos”, explica Isabel Iglesias. Precisamente os coñecementos adquiridos na industria eólica están na orixe desde proxecto, como recoñece Eloy Prada. “A idea deste xerador mariño xurde de aplicar os coñecementos adquiridos na industria eólica no aproveitamento de fluídos diferentes. Así tratamos de deseñar un sistema de baixo custe que aproveitase elementos mecánicos xa existentes no mercado, así como materias como o formigón ou a poliresina”, explica Prada.

O predecible das correntes mariñas é outra das vantaxes coas que conta este xerador que funciona nas dúas direccións, algo que non ocorre no caso doutros equipos que van sempre na mesma dirección, como é o caso dos desenvolvidos nos países nórdicos, onde hai moitos deste tipo en curso. “As correntes submarinas son unha fonte enerxética inesgotable por explotar que require dun avance tecnolóxico no que Resolve trata de ser pioneira”, explica Eloy Prada que asegura non coñecer en España ningún proxecto similar ao deste xerador que contou no seu financiamento coa participación da Consellería de Economía e da Unión Europea.