DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro organiza en febreiro obradoiros sobre busca de emprego, xestión do tempo e redacción

Empresariais e Turismo pon o acento nas competencias transversais

En resposta ás demandas formativas do alumnado e dos novos graos do EEES

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 17/01/2012

Coa adaptación dos estudos universitarios ao Plan Boloña, xurdiron no alumnado necesidades formativas específicas aos que os centros deben dar resposta fóra da súa programación de materiais. É o caso das competencias transversais, habilidades persoais, como as comunicativas, que os estudantes teñen que desenvolver para ter éxito académico e profesional. Para dar resposta a estas demandas, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense organizará en febreiro tres obradoiros de formación complementaria nos que afondará en temas como a xestión eficaz do tempo, a redacción de traballos e a busca de emprego.

“Dentro da implantación dos novos graos detectamos a necesidade de formar aos estudantes do centro en competencias non específicas de ningunha materia pero necesarias en todas elas e no conxunto da súa formación. Un alumno do grao de Administración e Dirección de Empresas ten que ter coñecementos de recursos humanos, marketing, etc. pero tamén ten que saber redactar, manexar o tempo ou buscar oportunidades de traballo”, explica Patricio Sánchez, vicedecano de Implantación de Novos Graos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e coordinador dos obradoiros.

Tres opcións

A primeira das formación será un Obradoiro de Xestión Eficaz do Tempo que terá lugar o 3 de febreiro coa participación de Juan José Molinos. Durante unha mañá, el será o encargado de amosar aos asistentes técnicas e recursos que lles permitan sacar o máximo proveito a un ben escaso como é o tempo e a realizar xornadas laborais máis produtivas.

Seguiralle o día 10 de febreiro un Seminario de Busca de Emprego e Desenvolvemento da Carreira Laboral impartido por Alejandra Mosteiro. Ante as dificultades que actualmente existen para atopar un posto de traballo, Mosteiro axudará aos participantes a realizar unha análise realista das súas opcións e explicaralles como realizar un plan de acción que lles permita buscar emprego dun xeito metódico. De este modo, aprenderán desde facer un currículo axeitadamente, a usar as redes 2.0 para visibilizarse ou a planificar a procura activa de emprego.

Por último, o 17 de febreiro a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo celebrará un Obradoiro de Elaboración de Traballos Escritos. A profesora do campus de Pontevedra Águeda Gutiérrez será a encargada de ensinar aos alumnos asistentes técnicas para redactar con máis facilidade e calidade os seus traballos académicos e profesionais.

Estas actividades formativas está dirixidas especialmente ao alumnado de cursos ponte e mestrados do centro, aínda que en caso de quedar prazas vacantes abrirase a estudantes de outros cursos. Cada un dos obradoiros conta con 35 prazas dispoñibles que serán cubertas por orde de inscrición na web do centro, estando xa habilitada a posibilidade de apuntarse aos tres obradoiros.