DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade resolve os seus concursos de bolsa, fotografía e vídeo

Empresariais e Turismo premia aos seus mellores creadores e 'brokers'

John Leyton gaña o xogo de simulación en bolsa con case un 2% de rendibilidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 14/04/2011
Os estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo son expertos na súa área de estudo, ou traballan para selo algún día, pero tamén son afeccionados á fotografía, ao audiovisual e a investir en bolsa. E parece que non se lles dá nada mal, tal e como se puido comprobar este xoves na entrega de galardóns dos concursos de imaxe, curtas e bolsa que tiña convocado o centro.

O acto, presidido por Elisa Alén, decana da facultade, comezou coa entrega do premio ao mellor corto audiovisual presentado ao concurso A FCETOU en 60", no que se convidaba á comunidade universitaria a amosar nun vídeo breve as características, valores engadidos e/ou singularidades da facultade co gallo dos seus 25 anos. O gañador foi Diego Fariñas co seu corto Parte da historia, unha peza na que fai balance en cifras e imaxes do que é hoxe en día o centro.

Tamén se fixo entrega dos galardóns do concurso anual de fotografía e imaxe da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, chamado Experiencia FCETOU. Tanto o primeiro premio, unha cámara de fotos, como o accésit, un marco dixital, foron para o grupo formado polos estudantes Juan Delfín, Aldara Pérez, Lucía Trigo, Zaida Rodríguez, Patricia Campos, Anabel Saavedra, Mona Hollborn, Laura Calvo, Elena Pereiro, Verónica Carballo e Trinidad Domínguez. O primeiro premio foi para a fotografía Ventanas, que recolle unha imaxe das galerías do edificio, e o segundo para El parque nuevo, que plasma o entorno do centro.

Probando sorte en bolsa

Por último tamén se fixo entrega dos galardóns aos estudantes que gañaron o xogo de bolsa on line realizado no marco do Curso de bolsa, impartido recentemente na facultade por Renta4. O primeiro premio foi para John Leyton Velásquez, o segundo para Lorena Lorenzo e o terceiro para Mónica González. Durante uns días os participantes neste curso dispuxeron de 20.000 euros ficticios para investir en bolsa, sendo Velásquez o que máis rendibilidade final obtivo, un 1,91% que lle permitiu transformar a cantidade inicial en 20.382 euros. “Foi xenial a experiencia, engancha moitísimo, estaba sempre pendente de como ían as cotizacións e tomando decisións de compra e venda” explicaba o gañador do primeiro premio.

Rematado o curso, os participantes poderán agora levar á práctica os seus coñecementos e intuicións, xa que os premios neste caso foron uns kits para que dar o salto á bolsa real. O primeiro premio está dotado cun reprodutor MP4, unha subscrición anual á revista Estratexia de Inversión, un bono-corretaxe de 300 euros para operar en Renta 4 Ourense e un mes gratis de proba na plataforma profesional Visual Chart. O segundo e terceiro premios son unha subscrición anual á citada revista e un bono-corretaxe de 200 euros e 100 euros (respectivamente) para operar en Renta 4 Ourense.