DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente da CEP acepta unha proposta de involucración no proxecto presentada polo reitor

O empresarios pontevedreses, implicados co Campus do Mar

Gago subliña a necesidade de implicar á Xunta e á iniciativa privada nun consorcio que se involucre

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Sara Alcázar DUVI 02/02/2010

Os empresarios da provincia de Pontevedra súmanse ao proxecto do Campus do Mar co que a Universidade de Vigo concorrerá á vindeira convocatoria de Campus de Excelencia Internacional do Ministerio de Educación. A adhesión da clase empresarial fíxose efectiva hoxe martes na sede da CEP en Vigo, onde o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, presentou unha proposta de convenio na que convidou á Confederación de Empresarios a participar no proxecto co que, afirmou, “tentamos facer a maior agrupación dedicada a temas mariños que nunca se fixera ata agora neste país e que estimamos que conta con máis de 500 doutores, converténdose nun referente na investigación neste campo”. Pola súa banda,o presidente da CEP, Fernández Alvariño, amosouse favorable á proposta da Universidade e subliñou que “dende este organismo imos involucrarnos totalmente neste proxecto para que saia adiante”.
Deste xeito, a cooperación entre a CEP e a Universidade de Vigo para impulsar o proxecto do Campus do Mar súmase aos múltiples apoios cos que xa conta a proposta, salientando a colaboración das restantes universidades galegas, o CSIC, a Axencia Española de Seguridade Alimentaria, o Instituto Español de Oceanografía, as consellerías de Pesca, Educación e Economía e do sector naval e pesqueiro, entre outras. Sen embargo, a pesar da gran cantidade de apoios que recibe o proxecto, Alberto Gago salientou a necesidade de rematar as tarefas pendentes para dar a forma definitiva ao Campus do Mar. “Aínda quedan actividades pendentes para pechar o proxecto, coma o contacto cos centros de I+D de Galicia e o pulo definitivo da Xunta coa ETEA”, afirmou o reitor da Universidade.

Necesaria implicación da Xunta cos terreos da ETEA

A este respecto, ambas partes coincidiron na necesidade de contar coa intermediacion de Alberto Núñez Feijóo “co fin de acadar o respaldo da Administración para un proxecto integrador de semellante envergadura en Galicia”, segundo argumentou Fernández Alvariño. Ademais, tanto o reitor como o presidente da CEP apelaron á implicación por parte da Xunta facendo referencia á demanda dos terreos da ETEA, situados en Vigo, co fin de obter un lugar axeitado no que establecer unha liña de atraque dos buques de investigación dispostos para o proxecto.
Segundo argumentou o reitor, contar co apoio formal da Xunta mediante a achega da ETEA, “sería un apoio fundamental que reforzaría a proposta do Campus do Mar , posto que é a localización mais idónea que hai nesta comunidade e que tamén implica a base de buques oceanográficos e o laboratorio internacional de toxinas”. Non obstante, Gago salientou a prioridade da proposta fronte á problemática da ETEA, impedindo que a falta deste recurso poña freo ao proxecto do Campus do Mar. “O sistema universitario galego e todo o agrupamento vinculado a esta proposta vai seguir adiante co proxecto resólvase ou non esta cuestión” declarou Gago.

Consorcio para asumir o encargo da ESA

O reitor adiantou tamén que a Universidade está traballando para "intentar convencer" á Xunta e a iniciativa privada para formar un consorcio que lle permita á institución asumir o encargo que lle otorgou a Axencia Espacial Europea, ESA, e que supón ser o nodo europeo dunha rede mundial de satélites "de natureza educativa e non lucrativa". Segundo explicou, o consorcio para o que se está traballando precisaría 500.000 euros ao ano durante catro anos, o que suma un total de 2 millóns de euros, cantidade total que se estima necesaria para poder desenvolver o proxecto.
Gago fixo fincapé no feito de que " a reserva non é eterna" e, por tanto, se non se consolida en España a iniciativa abrirase a outros mercados europeos e entraríase en compentencia con países como Alemaña, Francia ou Suíza, "que probablemente estarán encantados de que se lles poña esta oportunidade en bandexa". Ademais, lembrou que a selección de Vigo ven precedida dun gran traballo da ETSE de Telecomunicación co proxecto Xatcobeo e recalcou o feito de que sendo nodo de operacións Vigo non só será o xestor do seu propio satélite, senón de todos os educativos cos que conta a ESA.

22.000 empresas para facer prácticas e viveiros para empresas

Este achegamento entre ambas institucións desenvolveuse no marco da sinatura dun convenio de colaboración en materia educativa co que, tanto a Universidade como a CEP, pretenden actualizar e reafirmar as liñas de traballo conxuntas. Entre outros aspectos incidiuse na intensificación do programa de prácticas de estudantes universitarios, que conta xa con 22.000 empresas adheridas, o que, segundo Gago, "proporciona aos nosos estudantes a atención que precisan e isto proporciona tranquilidade á Universidade".
Na mesma liña ambas institucións salientaron a necesidade de promover a creación de empresas coa posta en marcha de viveiros, materia na que a institución académica ten un especial interese de cooperación, posto que “converteuse nun obxectivo estratéxico e estamos a incentivar a creación de empresas de base tecnolóxica que xorden a partir dos contratos de proxectos de investigación”, argumentou Gago. Por este motivo, a CEP porá á disposición da Universidade tres espazos na súa sede co fin de albergar todos os proxectos innovadores que poidan xurdir dende a institución académica.
Doutra banda, ambas partes coincidiron na importancia de facilitar os procesos de internacionalización empresarial, de xeito que os estudantes estranxeiros poidan realizar as súas prácticas preprofesionais en empresas españolas, no marco dos convenios que a Universidade de Vigo mantén con outras institucións estranxeiras. Ademais dos estudantes Erasmus como principais usuarios, o reitor fixo referencia ás bolsas Leonardo “que xogan un papel moi importante no proceso de internacionalización”. Por outra banda, dende a Universidade e a CEP tamén se seguirá traballando en proxectos de cooperación transfronteiriza, especialmente no ámbito da loxística empresarial.