DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun ciclo de conferencias organizado pola EU de Estudos Empresariais

Empresas achegan ao estudantado de Comercio as súas estratexias ante a globalización dos mercados

Coa participación, entre outros, de representantes de Vasco Gallega, Freixenet ou Novacaixagalicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 04/04/2011
A globalización dos mercados representa para as empresas un reto, un desafío que ha marcar o seu futuro, a súa continuidade ou a súa desaparición nun contexto internacional onde distancia e fronteiras se disipan. Cada unha afronta esta situación con diferentes estratexias e partindo de diferentes realidades, pero todas elas precisan adoptar medidas para adaptarse á nova situación das relacións comerciais.

Para coñecer estas diferentes perspectivas, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais organiza un ciclo de conferencias para achegar ao alumnado esta realidade, analizando as oportunidades e ameazas do mercado global. O primeiro en intervir, este martes ás 19.00 horas, será Xoan Martínez Reboredo, director adxunto de Vasco Gallega Sociedad Cartera SL, que afondará na incidencia da loxística no comercio internacionais, atendendo en especial á situación de España.

Un mes e medio de relatorio

O ciclo estenderase ata o vindeiro 18 de maio, cun conferencia por semana, nas que terán acubillo as diferentes estratexias empresariais ante a globalización dos mercados.

O luns da vindeira semana, 11 de abril, será a quenda de Novacaixagalicia. O seu director territorial, José Manuel Fernández, achegará as perspectivas de financiamento da economía ante a contorna financeira actual.

Tras o descanso de Semana Santa, o ciclo retómanse coa intervención de José Luís Bonet Ferrer, presidente do Grupo Freixenet, o martes dia 26, para expor o caso da súa empresa como referente en el mercado internacional.

Xa o 3 de maio, o convidado será Gerardo Estévez Suarez, director xeral de DPI Consultores de Dirección, que impartirá un relatorio sobre como dirixir a internacionalización, tanto na dimensión técnica como humana do traballo directivo. Unha semana despois, o debate centrarase no posicionamento da empresa familiar ante a crise coa internacionalización como alternativa. A encargada de abordar este tema será Inmaculada Rodriguez Cuervo, directora xeral de Mecanizados Rodriguez Fernández e a cita será o 10 de maio.

Finalmente, o ciclo pecharase cunha mesa redonda o 18 de maio que, baixo o título International Dimension: Studying and Working in the Global Business, reuniurá a Iria Baz Díaz, xestor de Unidade de Negocio NovaCaixaGalicia; Cecilia Cano Gil, international manager de Morgan GEF SL, Vigo; e Jan Kendzierski, area aales manager en IBERCONSA.

Os asistentes poderán obter un certificado de asistencia cun mínimo de cinco conferencias e será validable por un crédito de libre elección para os alumnos da diplomatura.