DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes e mércores o centro celebra o seu III Foro Emprego

As empresas achéganse a Enxeñaría Informática para captar talento

A programación inclúe tanto presentacións como entrevistas persoais co alumnado

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 20/03/2018

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense celebra este martes e mércores a terceira edición do seu Foro Emprego. A iniciativa ofrece ao alumnado de grao e mestrado deste centro a oportunidade de achegarse a case unha vintena de empresas e entidades que demandan profesionais do eido tecnolóxico e a estas entidades a posibilidade de captar talento cando aínda se está fraguando. O que diferenza este foro de emprego doutros é que o alumnado participa nel consciente das vantaxes que lle dan as elevadas taxas de empregabilidade destes titulados e tituladas.

O obxectivo da iniciativa, explica Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, é dobre. “Ao alumnado permítelle coñecer o mercado laboral, contactar con empresas do sector e ver que proxectos están a desenvolver na actualidade. Ás empresas permítelle contactar co alumnado de mestrado e de grao desde etapas temperás, antes da súa saída ao mercado laboral”, comenta o responsable do centro. Cunhas taxas de empregabilidade no sector superiores ao 90% unha vez remata a titulación, Francisco Javier Rodríguez sinala que o alumnado de Enxeñaría Informática afronta a súa participación nestas iniciativas de fomento do emprego coa baza que supón “que en realidade son eles os que elixen onde queren traballar”.

Repetindo moitas delas de anteriores edicións, o foro conta coa participación de empresas e entidades como Bahía Software, Tecnologías Plexus, Grupo Cuevas, Balidea Consulting, Viewnext, Gradiant, Altia, Redegal, Arbentia Consulting, Optare Solutions, Imatia Innovation, Sivsa Soluciones, Coremain, Everis e Indra Sistemas. Dada a demanda recibida por parte destes posibles empregadores, o centro tivo que ampliar a dous os días de celebración do foro, que habitualmente se desenvolvía durante unha única xornada. A programación permite ao alumnado asistente por unha banda asistir a presentacións de cada unha destas entidades e por outra realizar entrevistas individuais cos representes destas empresas, entrevistas nas que os estudantes poden entregarlle o seu currículo e establecer contacto.

A visión de empresas e alumnado

A primeira das presentacións correu a cargo de Bahía Software, empresa de consultaría tecnolóxica de software a medida nada en 1999 e que na actualidade conta con arredor de 180 traballadores e traballadoras. Iria Vázquez, técnica de selección da entidade, e Álvaro Suárez, responsable da súa delegación en Ourense, foron os encargados de explicar ao alumnado presente as características desta empresa, dalgúns dos perfís tecnolóxicos que buscan e de proxectos que na actualidade están a desenvolver en diferentes eidos, principalmente no sanitario. Vázquez resaltoulle aos asistentes a importancia de, alén dun perfil profesional, ter “valores como o compañeirismo, a paixón pola tecnoloxía, querer medrar rodeados dos mellores e ter ganas e motivación”.

Entre os estudantes que este martes se achegaron ao foro estaban Diego Pérez Domínguez e Diego Pérez Solla, ambos matriculados no terceiro curso do Grao en Enxeñaría Informática e sen experiencia laboral previa. “Veño a esta xornada para ter unha primeira toma de contacto co mundo empresarial. É unha boa oportunidade para ver o que ofrecen e o que demandan”, explicaba Pérez Domínguez, interesado especialmente en ver que opcións hai no eido concreto do desenvolvemento. “A min o que me interesa é ver o que se demanda no mundo real, que é o que me van a pedir e o que vou atopar cando me poña a buscar traballo e a traballar”, comentaba pola súa banda Pérez Solla. No seu caso, achégase ao foro interesado especialmente en ver que proxectos están a desenvolver empresas presentes na xornada “e que son punteiras no eido do software”.